Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Viveiro demanda ao conselleiro de sanidade que adopte de forma urxente as medidas necesarias “para garantir un correcto funcionamento do centro de saúde”

Este luns houbo só dúas médicas, e hoxe tres, para atender a unha poboación de quince mil persoas, nunha plantilla de dez facultativos

Viveiro, 13 de setembro de 2022. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, demanda ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, que adopte as medidas necesarias para solucionar a situación caótica do centro de saúde e do conxunto da atención primaria na comarca.

Nunha carta remitida hoxe mesmo ao conselleiro, Loureiro expresa a súa “preocupación e malestar pola situación que está a sufrir o Centro de Saúde de Viveiro e as súas graves consecuencias para todos os veciños e veciñas”.

No día de onte, luns 12 de setembro, o Centro de Sáude de Viveiro viviu unha nova xornada de caos, tendo en conta que houbo só dúas médicas (tres hoxe) para atender a unha poboación de quince mil persoas, ademais dos desprazamentos. É inaceptable que, dunha plantilla de dez facultativos, queden só dúas médicas que, ante esta situación, se viron obrigadas a atender unicamente as urxencias.

“Hai tempo que se vén denunciando a falta de cobertura dos facultativos que se atopan en situación de baixa ou disfrutando dos permisos e vacacións regulamentarios, a falta de persoal, problemas na atención telefónica ou o mal funcionamento do PAC, no que se presta atención aos veciños de Ourol, O Vicedo e Viveiro e que, ante esta situación, están acudindo directamente ao servizo de urxencias do Hospital de Burela”, engade a alcaldesa.

“Ante esta situación é necesario que a Consellería de Sanidade adopte as medidas oportunas para garantir unha correcta prestación do servizo, evitando que estas graves deficiencias se volvan a producir”, remata.

A alcaldesa aproveitou a carta para informar ao conselleiro de que ten solicitada desde xaneiro, xunto coa Plataforma Sanitaria da Mariña, unha reunión co xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, para falar da situación na que se atopan os centros de saúde da comarca, indicando xa no seu momento que se invitaría aos demais alcaldes e alcaldesas da Mariña.

“Tendo en conta o tempo transcorrido dende a solicitude desta xuntanza, en xaneiro deste ano, é polo que solicito que realice as xestións oportunas co fin de poder ser recibidos por Ramón Ares”, apunta María Loureiro.

Por outra parte, a alcaldesa participou esta mañá nunha recollida de sinaturas en apoio dunha Iniciativa Lexislativa Popular, demandando medidas urxentes para mellorar a atención primaria.

Exit mobile version