O Vicedo, 23 de agosto, 2022. Outro ano máis, e xa van 12, chegan as Xornadas “Memoria dun Tempo” organizadas por Nordés, Asociación polo Desenvolvemento das Terras da Faladora.
Unha ducia de edicións nas que, co obxectivo principal da divulgación e recuperación da memoria histórica, puidemos contar con relatorios, audiovisuais, música e poesía para darlle forma aos contidos de cada unha das xornadas.
Nesta traxectoria fumos vendo como outras formas de expresión artística estaban a ter cada vez maior importancia nesta difícil labor da recuperación da memoria histórica, que Nordés ten asumido xunto outros nas bisbarras do Ortegal e A Mariña Occidental. Así, por exemplo, dende a Banda Deseñada ano tras ano xurden propostas novedosas, imaxinativas e creativas que ao tempo veñen a rescatar do esquecemento feitos e persoaxes desde a súa propia linguaxe.
A pesar disto, ata agora non tiñamos programado nas xornadas actos e actividades nos que mostrar estas aportacións. É por iso que convidamos a debuxantes e persoas relacionadas coa producción e edición de BD para que xunto autoras doutros xéneros (literarios como o teatro) conforman unha programación que agardamos sexa interesante e dialogante para afeccionadas (ou non). Este ano contamos cunha actividade para poñer en práctica, ollo!
Na Casa da Cultura do Vicedo:
-19:00h. Xoves 25 de Agosto: “Os berros da motocicleta”. BD sobre a vida de Josefina Arruti Viaño. Unha charla coa investigadora Montse Fajardo e o debuxante Fuco Prado.
-19:00h. Venres 26 de Agosto: “Diálogo entre a literatura, a memoria e a BD” coas aportacións de Paula Carballeira, actriz e escritora, e Manél Cráneo, debuxante e editor.
-11:00h Sábado 27: Obradoiro de BD con Manél Cráneo. Unha xornada de mañá de balde ata a 13:00h. É necesaria a inscrición previa en asociación.nordes@gmail.com ou en 628566900 (só WA ou Telegram).
-13:00h. Sábado 27, na Ponte Vella do Barqueiro a X Homenaxe a persoas republicanas e libertarias.