Ribadeo, 2 de agosto de 2022. Volven a Ribadeo as Noites Abertas. Os días 4, 5 e 6 de agosto 24 establecementos asociados a Acisa Ribadeo abriran ata as 21:00 horas ofrecendo promocións especiais. Ademais a música animará as rúas da vila.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “este ano volven as Noites Abertas de Ribadeo, que levaban un tempo sen facerse. Trátase dunha actividade que soe gustar e dar moito xogo, polo que dende Acisa quixemos recuperala, xa que se hai día de praia a xente ten a oportunidade de mercar ata algo mais tarde do habitual”.
Pérez Prada contou que “este ano a campaña consiste en abrir as tendas ata as 21:00 horas o 4, o 5 e o 6 de agosto, ofrecendo descontos e promocións especiais. Todo elo acompañado de musica. O xoves á tarde noite haberá pasarrúas a cargo da Batukada de A Choca, o venres a partires das 21:00 hora, na praza de José María López (na Zona Vella de Ribadeo) contaremos coa actuación do grupo Sintético Fantástico e o sábado teremos outro pasarrúas a cargo da Batukada de A Folixa. Deste xeito serán tres días nos que poder saír de compras e aproveitar para tomar algo nun ambiente festivo e de verán. Estamos no ecuador das rebaixas, polo que é moi posible que se poidan encontrar ofertas moi interesantes nesta cita”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo anima “a veciños, veciñas de Ribadeo e da contorna e aos visitantes a desfrutar desta actividade, parécenos que pode ser unha boa escusa para mercar ese capricho de verán que levas días vendo no escaparate da tenda, aproveitar para tomar algo nunha terraza mentres escoitas a música na rúa e poder gozar da nosa gastronomía cenando en Ribadeo”.
Os establecementos participantes nas Noites Abertas de Acisa son La Coqueta, Bis a Bis, Bora Bora, La Moda Joven, Opticalia, Pequerrechos, BoutiquePippol´s, Glass, Adele, Naná, Mika, Sanjurjo, Esprit, Saia, For friends, Pratería Gutié, Farfalakids, Anais, Terra Branca, Mercería Torviso, Menfer, R23, Jatay y Coco..
As Noites Abertas están organizadas por Acisa Ribadeo. A campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia e que coa colaboración do Concello de Ribadeo.
Balance mes de xullo
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, fai un balance positivo do mes de xullo para o comercio e para a hostalería: “so con darse unha volta polas rúas de Ribadeo, podías velas ateigadas de xente paseando, tomando algo, as terrazas estiveron cheas, as xeadarías están traballando ben, houbo e hai colas nas panaderías, nas pastelerías, nas farmacias…”.
Cruzado Iglesias asegurou que “para o comercio xullo foi bo. Iso nos comentan algúns dos nosos asociados e asociadas, que as vendas rexistradas lles deixan un bos resultados. Algún di que foi o mellor xullo da súa historia. Algún caso deste temos. E agardan que o mes de agosto sexa bo. Polo que se refire á hostalería e á restauración as impresións tamén son boas. Hai moito máis movemento aos mediodías que ás noites, iso é certo, pero os datos da hostaleira son óptimos. En Rinlo, por exemplo, sabemos que se fan varias quendas de comidas, igual que en moitos negocios de Ribadeo. No relativo á ocupación hostaleira os datos que temos, e que nos pasan os nosos asociados e asociadas, oscilan entre un 70 e 80 por cento de ocupación no pasado mes de xullo. Moitos agardan agora en agosto chegar ao 100 case ata finais de mes”.
A presidente de Acisa engadiu: “agosto é o mes por excelencia para as vacacións da maioría. E nesta primeira quincena agardamos que se repitan cifras de anos atrás, antes da pandemia, nas que moitos días os hoteis colgaban os carteis de completos, de feito, os primeiros datos de reservas así o indican. Nalgunhas restaurantes tamén empezan a ter reservas adiantadas para os próximos 15 días nos que a xente vai vir de vacacións. Agardamos que o de 2022 sexa un bo verán para todas e todos, porque xa tocaba tras estes dous últimos que viñeron marcados pola pandemia”.