“É unha satisfacción como alcaldesa que Viveiro sexa esta ponte de agosto a capital galega das letras e quero en primeiro lugar agradecer o traballo e o esforzo da Federación de Librarías de Galicia”, asegurou na inauguración María Loureiro.
“Grazas tamén á nosa querida pregoeira, Mari Carmen Lage, antiga libreira da Librería Porta da Vila, á pregoeira infantil, Icía Pérez Giz, e por suposto grazas aos libreiros e libreiras, profesionais dun sector fundamental na nosa sociedade”, apuntou.
Dentro da ampla programación destes catro días, o concello quixo darlle protagonismo aos autores e autoras locais e galegos, ademais de potenciar a promoción da lectura entre os nenos e nenas.
Por iso, dentro da ampla programación da feira, esta tarde haberá a presentación de ‘Mar gremial das rías de Viveiro e do Barqueiro’, de Vicente Míguez, do Seminario de Estudos Terra de Viveiro.
“Coa celebración desta feira abrimos de novo unha fiestra, a da promoción da lectura e o libro, que para o Concello de Viveiro é unha prioridade de goberno; durante estes días, asistiremos ao encontro entre os 40 escritores e escritoras que participarán na feira e os seus lectores, un momento sempre máxico para compartir as experiencias vividas arredor dunha obra literaria”, engadiu a alcaldesa.