Dani Vega: “O goberno do BNG non aportou nada na reforma deste colexio. O único que fixo foi recadar a través de taxas municipais”
Ribadeo, 5 de agosto de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, explica que “en 2021 a Xunta de Galicia licitou as obras de rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz cun orzamento dun millón de euros. As obras supuxeron unha profunda reforma para mellorar a estética, confort e a eficiencia enerxética do centro”.
Para Dani Vega, portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, o BNG “está máis preocupado en poñer carteis e pegatinas que en xestionar inversión para Ribadeo”. O portavoz refírese ás declaracións do alcalde, Fernando Suárez, acusando ao portavoz de “vender fume a base de mentiras” co obxectivo de “buscar réditos políticos”.
Por iso, o popular pregúntase: “Que fixo o goberno do BNG? O único que fixeron é cobrar unha taxa municipal, a licencia e paralizar a obra”. Desta forma, “dende o centro tiveron que buscar unha solución para os nenos que necesitaban utilizar o ascensor: acomodar unha clase na planta baixa”.
Para o popular o obxectivo de Suárez e o seu goberno é claro: “Actúan desde a maldade e intentando confundir á cidadanía. Lévano facendo toda a lexislatura.” Ademais engade: “Como é posible que se lle pregunte á directora do centro por que Dani Vega ven aquí?”
Por outra banda, Vega acusa ao BNG de “malmeter” para que o orzamento non fora parar a Ribadeo. “Agora que concluíu a obra e está en perfectas condicións queren desvirtuar o traballo da Xunta e do noso grupo municipal dicindo que se pagaron con fondos europeos”, aclara o portavoz.
Dani Vega mantén que “seguiremos traballando na mesma liña, estaremos ocupados xestionando o orzamento para favorecer a Ribadeo. Entendo, polo tanto, que o goberno do BNG e o seu dirixente estean preocupados”.