Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha persoa evacuada en Xove ao declararse un incendio nunha terraza dun edificio

Xove, 21 de Agosto, 2022. Os veciños dun edificio, localizado nunha urbanización do concello lucense de Xove, tiveron que abandonar momentaneamente as súas vivendas mentres os equipos de extinción apagaban un lume declarado nunha terraza. A causa deste incidente, unha persoa foi evacuada ao Hospital da Mariña polos profesionais de urxencias sanitarias.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos veciños que chamaron ao centro de emerxencias ás 12:30 horas de hoxe, o lume consumía unha grella e unha lavadora no segundo andar dun edificio. Nada máis ter constancia da situación, as persoas contactaron co 112 Galicia para a posta en marcha dun operativo que formaron os Bombeiros de Viveiro e os membros de Protección Civil da Mariña Lucense.

Por precaución, o persoal do concello que se atopaba na zona optou por desaloxar o inmoble.

En canto aos traballos de extinción, os efectivos do parque viveirense ultiman a súa intervención, que se centrou nos electrodomésticos afectados polo incendio. Malia a que non se puido precisar a orixe do lume, os bombeiros confirmaron que a estructura da edificación non foi afectada.

O operativo foi completado polos axentes da Garda Civil e desde o 112 tamén púxose a situación en coñecemento dos efectivos do GES de Cervo, por se fose necesaria a súa colaboración.

Exit mobile version