Ribadeo, 5 de agosto, 2022. Dende a AVV Por Nuestro Faro acollemos con satisfacción a nova que hoxe transmiten os medios sobre a rectificación da Autoridade Portuaria en relación ó acceso da Illa Pancha. Por ese motivo, e á espera de coñecer máis detalles, deixamos aquí de xeito sucinto o noso comentario á pouca información que coñecemos polos medios.
Facemos unha valoración positiva polo que a nova actuación da Autoridade Portuaria supón de recoñecemento dunha situación que Por Nuestro Faro ven denunciando dende hai 7 anos diante da Autoridade Portuaria e do Concello de Ribadeo.
De calquera xeito, recalcamos que na actualidade a Autoridade Portuaria só ten na illa Pancha en activo o novo faro, debendo volver ó pobo o edificio das vellas instalacións e o resto da illa. Por que ten que expropiar a Autoridade Portuaria a illa Pancha ó pobo de Ribadeo? Debe a illa Pancha ter diferentes criterios de acceso e peche que o faro da Punta da Cruz que ten fronte a ela? Ten acaso diferentes condicións climáticas e de seguridade que a punta da outra beira da ría de Ribadeo? Son diferentes as condicións climatolóxicas e de seguridade para un ribadense que para un cliente do hotel?.
Ademáis doutros aspectos que tamén nos preocupan e dos que temos alertado, queremos lembrar que seguimos á espera do estudo de impacto medioambiental prometido pola autoridade Portuaria e denunciado por a nosa asociación, polo Defensor del Pueblo e por Ecoloxistas en Acción.
Para rematar, tamén lamentamos que a difusión da nota de prensa do Concello polos medios teña sido parcial, e o que implica que dita nota certifique que o Concello podía ter actuado hai anos.
Á espera de coñecer detalles concretos, damos tamén as grazas a tanta xente que nos ten apoiado e á que as novas expectativas de uso da illa Pancha veñen a dar, tamén, a razón.