Ribadeo, 12 de agosto de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que onte a primeira hora da mañá o Concello de Ribadeo enviou unha comunicación de oficio ao Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente para demandar a posta en marcha de medidas que eviten o amoreamento de pedras que os visitantes están a realizar na praia das Catedrais. E sinalou que “esta administración local non ten a culpa dos problemas de distribución interna que a administración autonómica poida ter”.
O rexedor insistiu esta tarde en que “desde o Concello de Ribadeo enviamos onte a primeira hora da mañá esa comunicación de oficio ao Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente para demandar a posta en marcha de medidas que eviten o amoreamento de pedras que os visitantes están a realizar na praia das Catedrais”.
Suárez Barcia subliñou que “o escrito foi remitido de xeito electrónico e eses mecanismos indican que foi presentado correctamente. Se non chegou ao seu destinatario final iso non quere dicir que non fora enviado polo Concello de Ribadeo. Esta administración local non ten a culpa dos problemas de distribución interna que a administración autonómica poida ter”.
O alcalde dixo que “de todos os xeitos alégranos saber, a través do medios de comunicación, que van incrementar a vixilancia co obxectivo de que esa problemática se reduza ata a súa desaparición”.
Fernando Suárez fixo un chamamento aos milleiros de persoas que estes días van pasar polas Catedrais: “desde o Concello de Ribadeo facemos un chamamento aos turistas para que visiten a praia, paseen, fagan fotos… pero que respecten as indicacións que atoparán no areal e que non amoreen pedras porque iso é prexudicial para ese importante entorno natural”.