Nos últimos días coñecíamos a opinión da oposición de Foz e de Burela acerca do mal estado xeral de ambas vilas. Coinciden ambos portavoces en moitas das súas valoracións, existindo deficiencias similares nas dúas poboacións e ata incluso no momento de envíalas á prensa. Curioso, xa que ambas vilas difiren amplamente en características.
Centrándonos en Foz, e como ven sendo habitual desde que comezou, o balance da oposición é negativo. Afondemos na reflexión.
As obras producen molestias, certamente e por desgraza. Pero o camiño para a mellora pasa por elas. A “pequena envergadura” da obra da Costa do Castro fixo que se abrira provisionalmente ao tráfico sen o remate da mesma, para non acumular o tráfico nas avenidas. Sabemos todos do estado da Avenida da Mariña, proxectada para durar 30 anos e que actualmente está a romper por todas partes e que necesitará un novo arranxo en breve (xa sería o segundo dende o seu remate). E, a pesar do intenso circular de vehículos, a Avenida Álvaro Cunqueiro soporta mellor o paso cara Barreiros, xa que a rúa do Pilar non estaba preparada para el.
As parroquias, esquecidas anos atrás, contan sempre con investimentos no orzamento municipal e en todas as subvencións que se poden pedir. As súas actividades, coa grande implicación veciñal, son sempre apoiadas polo Concello, en todos os sentidos.
Un verán cheo de actividades, cunha implicación total do persoal municipal, de asociacións e comerciantes que fixo de Foz un lugar capaz de captar a visita de tantas persoas. Continuaremos con traballo, buscando investimentos, promocionando e ensinando Foz. Porque o noso pobo é bandeira e quere seguir mellorando. Estar en prácticas e aprendendo (coma no Obradoiro de Emprego Terras do Ouro) parece ser que dá mala imaxe, usando esa expresión coma arma arreboladiza contra o goberno municipal.
Ás veces visitar outros lugares apórtanos perspectiva. O bo goberno socialista no país veciño fainos abrir os ollos ao que pode ser o futuro. Un futuro de cambios pequenos que Foz está vivindo, aquilo que non se fixo antes e que loita por saír adiante.
Aporten ideas e solucións para a mellora, para “seguir sumando a prol do concello”. Non soamente nomes rimbombantes. Aporten o seu traballo con outras institucións, como fan outros compañeiros seus, traendo ao seu concello actividades, concertos e investimentos da administración autonómica. Non dependan só de valorar negativamente o traballo do goberno. Aporten o seu traballo, non vivan do pasado, os cidadáns non viven so do escarnio.
Inés López Couto (Alcaldesa en funcións do Concello de Foz)