O PP di que, diante da falta de ideas e de capacidade de execución, “o goberno municipal trata de parasitar o traballo dos demais para así aparentar que fai algo por Burela“
Burela, 24 de agosto de 2022. O voceiro popular en Burela, Manuel Rouco, cre que a estas alturas do mandato municipal está sobradamente demostrada a ineficacia na xestión do goberno presidido polo socialista Alfredo Llano. Tan é así que ata o propio goberno local é consciente da situación e trata de parasitar proxectos e iniciativas do PP para que pareza que fai algo por Burela.
Manuel Rouco sinala: “Agrádanos comprobar como o goberno do señor Llano recompila e asume como propios, unha vez máis, os postulados do PP e os expón á veciñanza como orixinais. Neste caso referímonos ao proxecto da estación depuradora de augas residuais de Burela (EDAR), o único gran proxecto que anunciamos ao señor Llano a finais do ano 2019 que se ía executar en Burela en todo este mandato, e iso porque detrás atópase a garantía do Partido Popular. Trátase dun compromiso adquirido publicamente pola conselleira Ethel Vázquez na súa visita a Burela en maio do ano 2019, tras conversas mantidas co PP de Burela”.
O portavoz popular explica: “Gústanos que o goberno socialista do señor Llano, agora que se achegan as eleccións de maio do ano que vén, se lembre deste proxecto, que leva o selo de garantía do PP, porque o señor Llano e os seus concelleiros xa empezan a esconder no caixón todas aquelas promesas que serviron para embaucar a unha parte da veciñanza en maio de 2019 e así ir rascando votos por aquel entón”. Engade: “Nesta liña hai que lembrar o falido proxecto do pavillón para Burela, a ampliación da grada norte do Vista Alegre, o arranxo da grada de A Marosa, o polígono industrial para Burela, a relación de postos de traballo (RPT) no Concello e un longo etcétera de promesas incumpridas polos concelleiros deste goberno socialista”.
Para os populares, “diante da falta de ideas e de capacidade de execución, o goberno municipal trata de parasitar o traballo dos demais para así aparentar que fai algo por Burela”. Sinalan: “Dicimos isto con coñecemento de causa. Lembramos así os hortos urbanos, unha idea novidosa que levaba no seu programa a nosa formación, pero non figuraba no programa socialista; unha idea que plaxiaron para dar a imaxe de que os socialistas fan algo pola nosa vila, algo que, como poden comprobar día a días os veciños, non se corresponde coa realidade”.
Rouco di que “mellor lle iría a este goberno socialista se deixara de prometer proxectos que é incapaz de levar a cabo, pola súa escasa ou nula capacidade de xestión, e centrarse en adecentar, día a día, a nosa vila”.