O edil ribadense dixo que “Ribadeo amosou este mes novamente o seu su tirón turístico cunha taxa de ocupación de entorno ao 85%. A fortaleza do destino resistiu o envite destes complexos últimos anos e logrou manter as súas cifras de visitantes e as súas taxas de ocupación hostaleira polo que debemos de facer un balance do mes de xullo moi positivo. E a previsión que se manexa para agosto tamén é moi favorable”.
Pablo Vizoso contou que “a Ribadeo, veñen visitantes de todo o estado, sendo os madrileños, casteláns, andaluces e vascos os que encabezan os primeiros postos”.
O concelleiro de Turismo subliñou que “un dato importantísimo é o aumento dos visitantes internacionais alcanzando un 16,14% do total das visitas, superando incluso as porcentaxes dos anos anteriores á pandemia. Procedentes estes de máis de 35 países diferentes, que encabezan Francia, Italia, Alemaña e Portugal”.
Vizoso Galdo manifestou que “un ano máis, Ribadeo fai unha fortísima aposta polo turismo de calidade organizando 11 percorridos guiados a través dos que se pode descubrir o seu importante patrimonio natural e cultural, 3 vistas teatralizadas, 4 roteiros guiados e interpretados para gozar do fascinante patrimonio cultural e etnográfico presente en cada recuncho da vila e tamén do interior do Concello, 4 XeoRutas para ter unha ampla visión do importante patrimonio xeolóxico do noso litoral, que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ata a maior estrutura xeolóxica da mariña lucense”.
O edil indicou que “esta oferta turística e cultural súmase a unha serie de proxectos e eventos que o Concello vén desenvolvendo nos últimos meses como o Renacer do Cantil, o Ribadeo Ilustrado, o Ribadeo Indiano, a Festa Gastronómica do Percebe e moitos outros que perseguen consolidar as marcas Turismo Ribadeo e RibadeoXQSI, e dotalas dun contido propio, diferenciado e coherente cos obxectivos de calidade turística que se veñen perseguindo nestes últimos anos”.
E engadiu que “a este interese polo cultural súmase a cada vez máis forte presenza de espazos naturais e rutas de sendeirismo, destacando especialmente o Camiño de Santiago e o Camiño Natural Ruta do Cantábrico, dos que Ribadeo é en ambos casos, inicio de camiño en Galicia. Lembramos que hai uns meses, nesta Semana Santa, para reforzar a información audiovisual e textual sobre estes recursos naturais publicábase unha app de sendeirismo, xeoturismo e cicloturismo. Igualmente que hai unhas semanas se presentaba a app xenérica de Ribadeo como destino”.
O concelleiro de Turismo tivo palabras de agradecemento para as traballadoras e traballadores do Concello: “dende a Área de Turismo queremos agradecer a implicación e a colaboración de todos os traballadores e traballadoras do Concello, particularmente das Áreas de Medio Ambiente e de Obras, e moitas persoas voluntarias que fixeron posible que os eventos celebrados no mes de xullo como o Ribadeo Indiano ou a festa do Percebe de Rinlo fosen un éxito e que, coma no caso de Rinlo, tan só un día despois o pobo seguise lucindo unha moi boa imaxe”.