Burela, 5 de agosto, 2022. ‘Burela o mar e as súas xentes’ é unha verdadeira obra de arte feita con pezas da antiga fábrica de Gres que xa se poderá ver e desfrutar esta fin de semana na #FeiradoBonito tras retirar esta mesma mañá os andamios para contemplala integramente.
A peza rende homenaxe ás mulleres do mar sobre os mesmos restos da antiga conserveira: peixeiras, redeiras e conserveiras representando o seu imprescindible papel no desenvolvemento da Burela industrial vinculada ao mar.
O Concello agradeceu principalmente “a Belén e Martín por regalarnos este deseño e por implicarse ao 100% no proxecto. Tamén á Confraría de pescadores por ternos cedido o muro para realizar esta acción subvencionada polo GALP. E por suposto, un agradecemento moi especial ás entidades de inclusión social que participaron na creación do mural”.
“Tradición, vangarda, arte, inclusión, cultura, mar, pesca, cerámica…todo iso e moito máis vos agarda en Burela”.