A concelleira de Cultura, Pilar Otero, contou que “ata o 27 de agosto ocupará as salas do Forte San Damián a obra do pintor valenciano nacido en 1947 Vicente Barreira, co título de Paisaxes”.
A edil ribadense subliñou que “coma cada verán o Forte volve ser o seo da aposta expositiva en Ribadeo e desta volta as persoas que o desexen poderán visitar o espazo de luns a xoves de 17.00 a 20.30 horas e os venres, sábados, domingos e festivos ás mesmas horas polas tardes e ademais de 11.00 a 14.00 horas polas mañás”.
Pilar Otero contou que “Vicente Barreira é fillo, neto e bisneto de artistas pintores, así que de forma natural continúa a vocación familiar. Ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Carlos en 1965. Alí realizou estudos completos de pintura e en 1970 obtivo o título de Profesorado. É licenciado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia. Ten sido docente na súa propia cidade durante décadas. A súa pintura pode encadrarse no realismo da paisaxe urbana, recoñecéndose debedor da pintora Amalia Avia, dos mestres flamencos do Renacemento e de Edward Hopper”.
Otero Cabarcos anima a achegarse a este espazo: “animamos a ribadenses e visitantes a pasarse polo forte de San Damián e a disfrutar non so das súas vistas e deste espazo tan bonito, senón tamén desta marabillosa exposición”.
Pola mostra pasaron xa a concelleira de Cultura, Pilar Otero e o alcalde, Fernando Suárez.
Fado mañá, sábado
O Concello de Ribadeo organiza este sábado, 6 de agosto, un concerto de fado de Iria Estévez, que estará acompañada por Artur Caldeira tocando a guitarra portuguesa e por Daniel Paredes na viola de fado.
A actuación terá lugar ás 13:00 horas no Campo de San Francisco. En caso de chuvia trasladarase ao auditorio Hernán Naval.