Mondoñedo, 23 de agosto, 2022. Pablo Ferrández, un dos mellores violonchelistas do mundo, actuou este luns 22 de agosto nun dos concertos estelares do noveno ‘Festival Bal y Gay’ con 240 espectadores abarrotando o Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo. O público constatou as múltiples virtudes polas que o músico madrileño de 31 anos converteuse nun dos mozos máis admirados da escena estatal, transcendendo nos últimos anos a nivel mundial: autenticidade sobre o escenario, magnetismo de ídolo pop, gran son, técnica superior e excitante musicalidade. Ferrández rendeu pleitesía a Bach interpretando de maneira excepcional os seus tres primeiras suites, caracterizadas por unha dificultade máxima.
O Cuarteto Quiroga ofrecerá este martes 23 de agosto na Basílica de San Martiño de Foz (20:30 horas, entradas esgotadas) o penúltimo concerto nesta novena edición do ‘Festival Bal y Gay’. Aitor Hevia (violín), Cibrán Sierra (violín), Josep Puchades (viola) e Helena Poggio (violoncelo) regresarán á Mariña tras a súa exitosa actuación de 2020 no mesmo lugar como un dos cuartetos máis dinámicos e singulares da súa xeración. Aclamado internacionalmente por crítica e público, a súa personalidade única abordando o repertorio para cuarteto de corda pode percibirse en cada nota. O programa inclúe obras de Haydn (Cuarteto op. 74 n. 1 en Do maior), Canales (Cuarteto op. 3 n. 5 en Sol maior) e Brahms (Cuarteto op. 51 n. 2 na menor).