Os afectados explican que nesta parroquia de Vilarente non existe saneamento municipal, nin abastecemento de auga. Advirten de que a traída municipal que abastece a este núcleo “é ilegal”, e lembran que o propio Concello xa foi sancionado por este motivo
Os afectados explican que nesta parroquia de Vilarente non existe saneamento municipal, nin abastecemento de auga. Advirten de que a traída de auga municipal que abastece a este núcleo do municipio “é ilegal”, e lembran que o propio Concello de Abadín xa foi sancionado por este motivo.
O Voceiro Socialista explica que os propios afectados xa presentaron denuncias en tódolos estamentos oficiais, comezando polo propio Concello de Abadín, a Valedora do Pobo, a Garda Civil, o Seprona e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, “e o Concello segue sen darlles unha solución, aínda que sexa de xeito provisional como por exemplo a través do camión de incendios ou con cisternas”, incidiu. “Non entendemos como pode haber parroquias sen auga en pleno século XXI. Así é como defende o rural o PP, recortando servizos como no centro de saúde e abandonando ás nosas parroquias ”, subliñou.
Pablo Díaz sinalou ademais que no domicilio desta familia viven un total de 5 persoas, unha delas con mobilidade reducida, “que precisa de coidados e atención sanitaria constantes, e que por mor do abandono do Concello de Abadín e do seu Alcalde non están sendo correctamente atendidas, xa que non teñen acceso á auga”. Ademais, teñen ganado ao que deben dar de beber de xeito manual, co transporte da auga.
Por último, o Voceiro lembra que, segundo recolle a normativa, concretamente nos artigos 18 e 25 da Lei de Réxime de Bases Local, “os veciños teñen dereito ao subministro de auga potable no domicilio e a evacuación e tratamento de augas residuais. Polo tanto, o Concello de Abadín ten que actuar xa, non pode deixar sen auga ás familias e as parroquias do noso Concello. Póñanse a traballar xa para solventar este problema”, resumiu.