Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Concellos de Ribadeo e Barreiros porán en marcha en setembro un novo obradoiro de emprego, denominado Vilas Coidadoras

Ribadeo, 6 de agosto de 2022. Os Concellos de Ribadeo e Barreiros porán en marcha en setembro un novo obradoiro de emprego, denominado Vilas Coidadoras, que se centrará nas necesidades de atencións do maiores e que favorecerá a inserción laboral de 20 persoas desempregadas.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “de forma conxunta os Concellos de Ribadeo e de Barreiros imos poñer en marcha a mediados do mes de setembro o proxecto Vilas Coidadoras, un novo obradoiro de emprego co que se favorecerá a inserción laboral de 20 persoas desempregadas de ámbolos dous concellos, capacitándoas profesionalmente en dúas especialidades formativas”.

O edil ribadense dixo que “ademais de mellorar a capacitación profesional neste sector que tanta demanda ten actualmente, quérese priorizar as necesidades de atención e de apoio aos nosos maiores porque cremos que é o noso deber garantirlles a mellor calidade de vida posible, tanto a eles como aos seus coidadores.

Precisamente por estes motivos Vilas Coidadoras contará con dúas especialidades: por unha banda Atención sociosanitaria, que realizará gran parte do seu traballo práctico na residencia de San Sebastián e San Lázaro e na residencia municipal de maiores da vila de Ribadeo, atendendo, apoiando e axudando aos usuarios; e por outra banda a especialidade de Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais, que persegue o obxectivo de entreter, integrar, ensinar e incluír á terceira idade, dinamizando e desenvolvendo actividades culturais entre as que se atopan a posta en marcha dun proxecto de fomento da lectura, a realización de talleres culturais de todo tipo ou a creación dun centro de recuperación e de difusión da cultura popular”.

Vizoso Galdo subliñou que “tamén se vai poñer en marcha o programa Coidando ao coidador, un proxecto de obradoiros e de charlas que busca promocionar a saúde e mellorar o benestar físico, emocional e social das persoas coidadoras de ámbolos dous concellos”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local ribadense engadiu que “a posta en marcha deste obradoiro repercutirá na vida diaria dos nosos maiores dun xeito moi positivo e lúdico e á vez permitirá a aprendizaxe e a capacitación de 20 persoas para desempeñar este traballo, aspectos os dous que consideramos moi favorables tanto para o Concello de Ribadeo como para o de Barreiros”.

Exit mobile version