Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG suma o apoio da Federación Galega de Confrarías á súa campaña de apoio á pesca galega

A campaña amplíase á plataforma change.org para as persoas que desexen asinar o manifesto online

Ames, 30 de agosto de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reuniuse onte co presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, que respaldou as reivindicacións dos socialistas en apoio á pesca de fondo. Formoso mantivo este encontro logo de recabar o apoio do presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero.

A xuntanza celebrada na sede da Federación contou tamén coa presenza da secretaria de Pesca do PSdeG e portavoz de Pesca no Grupo Parlamentario, Patricia Otero, e a secretaria da FGC, María Rita González.

Os socialistas galegos están a realizar unha campaña de recollida de firmas dende o pasado 19 de agosto en resposta á prohibición da pesca de fondo por parte da Comisión Europea. Esta iniciativa conta co apoio e contará ademais coa colaboración da Federación Galega de Confrarías nos 63 pósitos galegos.

O líder dos socialistas galegos explicou que esta campaña, que comezou o pasado 19 de agosto nas 63 confrarías galegas para acadar unha mensaxe unánime de apoio á pesca galega e para reclamarlle á UE que basee as medidas restritivas en informes científicos e datos rigorosos.

Os socialistas galegos reclaman “unha consulta aberta e sinxela cos organismos consultivos de pesca e co sector” para acordar unha aplicación menos lesiva do denominado “acto de aplicación” para a protección de ecosistemas mariños vulnerables. Sinalan que a decisión debe partir dunha avaliación do impacto social e económico da medida.

Formoso sinala que os socialistas galegos “nin entendemos, nin compartimos” o paso dado pola Comisión Europea, indicando que a decisión “carece de rigor científico” e non ten unha avaliación previa do impacto económico e social que terá. A maior preocupación do líder socialista son o gran número de familias que dependen da pesca de fondo e que “ven ameazado o seu futuro”.

Advirte de que a decisión da Comisión é contraria á realidade dos caladoiros galegos, os cales recuperaron un 51 por cento da biomasa nos últimos 15 anos. Por isto, entende que o sector pesqueiro galego xa estaba actuando con respecto ao medio ambiente e dunha sostible para o ecosistema mariño.

Esta decisión afecta especialmente ás áreas de Burela e Celeiro, no caso de palangre de fondo e volantas e a Vigo no caso do arrastre, así como outros portos, como A Coruña ou Ribeira.

Change.org

Os socialistas galegos amplían a campaña de recollida de sinaturas á plataforma dixital change.org -no seguinte enlace-, para as persoas que desexen asinar o documento online. Esta iniciativa complementa a recollida física de apoios nas confrarías galegas, e busca sumar tamén a outras comunidades autónomas afectadas da franxa Cantábrica, como Asturias, Cantabria ou o País Vasco, e incluso outros países como Portugal ou Francia.

Exit mobile version