Site icon Crónica3.com A Mariña

O programa “Ti si que es un bo peixe” chega á Ocioteca de verán de Burela para fomentar o consumo de produtos frescos do mar

A actividade centrouse en coñecer de preto cinco especies distintas de peixe, tres de marisco e unha alga

Burela, 23 de agosto de 2022. A Ocioteca de Verán continúa coa súa actividade recibindo o programa creado pola Consellería do Mar “Ti si que es un bo peixe”, que ten o dobre obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos frescos do mar de Galicia entre as nenas e nenos e tratar de equilibrar as súas dietas alimentarias.

O obradoiro, realizado dun xeito dinámico e práctico, cumpriu co fin de que os pequenos coñeceran as cinco especies de peixe mencionadas nesta sesión, tres mariscos e tamén unha alga, aprendendo como se recollen e consumen, así como as súas características.

Familiarizáronse deste xeito co mundo da pesca, transporte e preparación do peixe e do marisco, sabendo máis do seu valor nutricional e da importancia de introducilos na súa alimentación. Para iso, propuxeron algunhas receitas con estes produtos frescos, poñendo en valor tamén o papel dos consumidores como colectivo, incluíndo á infancia, á hora de preservar os recursos do mar.

Tamén escoitaron e cantaron unha canción para lembrar todo o explicado, toda a información que incidiu no beneficio que lle aporta ao noso corpo o consumo destes produtos.

As monitoras trataron de espertar así o interese das e dos participantes da Ocioteca de Verán, finalizando a sesión coa entrega de agasallos do programa.

Exit mobile version