Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, fai un balance moi positivo do XI Fórum de Innovación e Formación que rematou este venres en Ribadeo

Ribadeo, 26 de agosto de 2022. O presidente de Apaga, Álvaro Doural, fai un balance moi positivo do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrou nas súas instalacións desde o pasado martes ata hoxe, venres. 40 persoas chegadas das 4 provincias galegas e de cidades como Madrid, Murcia ou Zamora asistiron a esta cita.

Doural indicou que “o balance é moi positivo de todas actividades realizadas, tanto os obradoiros como as distintas ponencias. Creo que se cumpriron os obxectivos previstos, como o nivel de participación, que foi similar ao doutros anos e hai que ter en conta sempre o espazo que temos e outros condicionantes que hai neste momento que fan que non haxa unha cantidade moi elevada de xente porque desprazarse supón un custe engadido”.

O presidente de Apaga tivo palabras de agradecemento para as empresas e as institucións que apoiaron a celebración deste undécimo Fórum: “resaltar a liña de colaboración que se sigue mantendo coas entidades tanto privadas como publicas. Creo que iso é moito de agradecer porque un ano máis podemos contar con todas estas empresas e entidades, tamén para outras iniciativas que se poidan poñer en marcha. Neste momento estamos preparando unha reunión internacional para outubro ou novembro con técnicos de empresas doutros países da Unión Europea”.

Doural engadiu que “neste Fórum fixemos por primeira vez conexións en directo a través da canle de youtube. Houbo algunhas ponencias que se transmitiron en directo e a idea é que o próximo ano se poida facer isto con todas as actividades, sempre que as empresas que veñan o permitan”.

Proxecto Erasmus +
A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) presentou os resultados do proxecto Erasmus+ “Inclusión e empregabilidade a través da tecnoloxía do vehículo eléctrico” no transcurso do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos.

Neste proxecto traballaron equipos de docentes de sete países: Italia, Lituania, Croacia, Romanía, Portugal, Turquía e España. Elaboraron recursos didácticos dixitais sobre 14 temas relacionados cos vehículos eléctricos e híbridos. Cada país elaborou dous libros electrónicos, cada un dos cales contén á súa vez dous libros internos, un dedicado ao profesorado no que se lles facilitan guías didácticas para abordar a materia nas súas clases, así como diversas actividades e prácticas propostas e todas as recursos necesarios para levalos a cabo. Dúas das actividades propostas inclúen tarefas a realizar mediante a impresión en 3D de determinados elementos. Entre os recursos dos que dispón o profesor tamén se incluíron os programas necesarios para a impresora 3D. O libro do alumno inclúe textos, imaxes de gran calidade, vídeos, ligazóns a páxinas ou vídeos relacionados, actividades interactivas, etc. Ademais, todos os textos contan cun botón que activa un lector para facilitar o acceso ao contido escrito a aqueles alumnos ou profesores con algún tipo de dificultade visual. Por último, o libro do alumno inclúe unha autoavaliación final, un exame que se autocorrixe e achega unha nota que indica o nivel de coñecementos adquiridos tras o traballo realizado co libro.

Cada un dos 14 libros electrónicos foi traducido a cada un dos idiomas dos países participantes, ademais de á lingua inglesa. É dicir, oito idiomas, polo que o traballo final resultante son 112 libros electrónicos. Todos eles sobre vehículos eléctricos e híbridos en formato online están a disposición de calquera alumno ou profesor de Europa a través da páxina web da APAGA (www.apaga.es) na sección ERASMUS+.

O profesorado asistente á presentación do proxecto valorou todos estes libros como interesantes e útiles e amosou a súa disposición a levar ás súas aulas as unidades didácticas traballadas.

Exit mobile version