O Grupo Provincial Popular ofrece a súa colaboración para deseñar o plan que “debe ter en conta a opinión dos alcaldes e alcaldesas”
Lugo, 8 de agosto de 2022. O Grupo Provincial Popular insta ao goberno da Deputación a colaborar cos Concellos ante a situación de escaseza de auga e ofrécese a colaborar no deseño dun plan de axudas dirixido ás administracións locais -que son as que teñen competencia na materia- no caso de que teñan que acometer actuacións extraordinarias para garantir o subministro de auga. Os populares defenden que o plan debe atender ás demandas e necesidades dos Concellos e, polo tanto, “débese ter en conta aos alcaldes e alcaldesas”.
O voceiro, Javier Castiñeira, explica que “somos coñecedores de que hai Concellos da nosa provincia que solicitaron á Deputación de Lugo axuda para paliar os efectos da seca que afecta ao abastecemento de auga nos municipios do interior que teñen detectada unha baixada nos niveis dos seus ríos e do caudal nos seus mananciais”.
Castiñeira lembra que “un dos piares fundamentais das deputacións provinciais é a cooperación cos concellos máis pequenos e que, polo tanto, os que máis dificultades poden ter á hora de desenvolver medidas para facer fronte a situacións de emerxencia”. Polo tanto, “entendemos que a Deputación de Lugo debe estar aí para axudar e colaborar con estes Concellos”. De feito, “non é a primeira que o está a facer”: a Deputación de Pontevedra xa anunciou un plan de axudas aos Concellos para que poidan actuar en caso de que a situación de seca poida comprometer o abastecemento de auga.
O popular considera que “é un tema serio no que debemos colaborar tódalas administracións”. E engade que “dende o Grupo Provincial Popular estamos dispostos a colaborar xa sexa a través dunha xunta de voceiros ou de calquera outro formato de traballo que considere o equipo de goberno e no que participen tamén os alcaldes”.
O voceiro do Grupo Provincial Popular propón un plan de axudas encamiñado a mellorar as captacións, facer obras provisionais, garantir o subministro con cisternas ou tamén para desenvolver campañas de concienciación para diminuír o consumo.
Castiñeira pídelle ao goberno provincial “que se poñan a traballar canto antes neste sentido” tendo en conta que “dispón de medios e recursos suficientes” e atendendo, sobre todo, “á demanda que está chegando dende os Concellos á Deputación de Lugo e que deben ser tidas en conta”. Trátase “dun problema importante de provincia porque non é un problema puntual dun único concello, senón que son moitos os afectados” que, incluso, xa teñen tomado medidas e pedido aos veciños facer un uso racional da auga.