“A traída pasa preto da casa e, polo tanto, non sería autorizable un abastecemento particular ao existir a posibilidade de conectarse á rede pública”, segundo explica o voceiro
Xermade, 16 de agosto de 2022. Os populares de Xermade condenan que “o goberno local non dote de conexión á rede municipal de auga a unha vivenda do núcleo do Chao, en Cabreiros; a pesar de que a traída pasa preto da casa”. O voceiro do Grupo Municipal Popular, Antonio Riveira, explica que “solicitaron a alta en varias ocasións, pero seguen sen dispoñer de servizo”. Polo tanto, pediu explicacións no último pleno, pero “lamentablemente o alcalde puxo escusas”.
Riveira explica que “a vivenda conta con auga grazas á colaboración doutro veciño que lle fai chegar auga para os servizos básicos; cando debería ser o Concello o que garantise ese subministro”. Engade ademais que “non sería autorizable un abastecemento particular existindo a posibilidade de conectarse á rede pública”.
Os populares teñen coñecemento de que se atopa na mesma situación o propietario doutra finca colindante en solo de núcleo rural con intención de edificar, pero ao que o goberno local tampouco lle aproba a conexión á rede de auga municipal.
Non é a primeira vez que o grupo municipal do Partido Popular de Xermade ten esixido no pleno explicacións sobre o abastecemento de auga. Xa ten preguntado en varias ocasións polas deficiencias nos labores de mantemento e pola tardanza en tramitar as altas no abastecemento. “A xestión deste goberno nun tema da súa competencia e que é básico para os veciños é realmente mala”, manifesta Riveira.
Charca dos Patelos
Os populares tamén preguntaron no pleno por que non se puido utilizar en todo o verán a Charca dos Patelos, un manancial próximo ao río Trimaz, en Candamil, recuperado fai anos e que conta con zona recreativa e de paseo.
O voceiro explica que “este verán, que destacou polas altas temperaturas, a charca estivo totalmente baleira e abandonada” de forma que os veciños non puideron darse un baño na propia charca. O popular lamenta “a falta de previsión do goberno local” que debería ter tapado o desaugue de forma que a charca fora enchendo de auga ao aproximarse o verán. “Agora xa é tarde e, tendo en conta a escaseza de auga, débese ser moi coidadoso á hora de xestionar os nosos recursos hídricos”.