Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro insta ao goberno local a adoptar de inmediato as medidas precisas para dotar de saneamento ás casas de As Aceas que verten directamente á ría

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que a alcaldesa coñecía perfectamente o problema e que o único que fixo, a raíz de producirse denuncias, foi dar un prazo de tres meses aos veciños para resolver un problema que non poden resolver sen rede de sumidoiros

Viveiro, 24 de agosto de 2022. A canalización e depuración das augas residuais é unha competencia puramente municipal, como o é o abastecemento de auga. En Viveiro, o goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, demostra en todos as frontes un alarmante déficit de xestión, pero aínda é máis grave no que se refire a infraestruturas básicas como é o caso do saneamento. En As Aceas, debido a falta de rede sumidoiros, hai varias casas que verten directamente á ría. Esta intolerable situación ten que acabar canto antes e, con ese obxectivo, o grupo municipal popular defenderá no próximo pleno unha moción para que o goberno local adopte as medidas precisas para prolongar a rede de sumidoiros ata As Aceas co fin de que, os propietarios das casas, poidan tramitar a conexión coa rede de saneamento. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala: “O peor é que a alcaldesa coñece perfectamente a inexistencia de rede de sumidoiros en As Aceas e non fixo nada ata o momento, máis que ameazar aos veciños para que deixen de verter as augas residuais á ría; e como, se preguntan os veciños, se non poden construír fosas sépticas nin poden conectar co saneamento, cuxa arqueta está a uns 50 metros”.

O portavoz popular di que o Concello de Viveiro funciona de maneira tan descontrolada que anos atrás concedeu autorización a un dos propietarios das casas de As Aceas para entroncar coa rede de saneamento. Claro que o problema é que tal rede de saneamento non existe en As Aceas. Agora, ao parecer debido a denuncias por vertidos, a alcaldesa dá tres meses aos afectados para deixar de verter directamente á ría. Óscar Rodríguez sinala: “É dicir, coñecendo cal é a situación, non resolve o problema pola única vía que é admisible, que é a prolongación da rede de sumidoiros ata As Aceas, pero tampouco lles dá outra alternativa, probablemente porque no hai outra solución”. Para Rodríguez “é indignante este comportamento da alcaldesa e do goberno local”.

Os populares destacan que os valores medioambientais e paisaxísticos están entre as grandes fortalezas de Viveiro, porque atraen aos visitantes que impulsan a economía da cidade. “Falan e falan de medio ambiente, de sustentabilidade, pero á hora da verdade non fan nada. O caso de As Aceas é ben claro”.

Rodríguez lembra que unha das críticas que efectuou o seu grupo ao orzamento municipal foi que non recollía nin un euro para saneamento. “Dixémolo entón e dicímolo agora, hai que avanzar no saneamento de Viveiro, e hai que facelo con planificación e coas reservas orzamentarias precisas”.

Os populares esperan que o pleno aprobe por unanimidade a súa moción, de maneira que sexa posible resolver canto antes o problema do saneamento en As Aceas.

.

Exit mobile version