Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro faise eco das estendidas queixas veciñais pola ausencia de orquestras no programa das pasadas festas

Para o PP, a ausencia de verbenas é especialmente grave porque no pasado mes de abril o Concello subvencionou con 15.000 euros a unha asociación de fóra de Viveiro que organizou a actuación dunha orquestra, para a que había que pagar entrada

Viveiro, 25 de agosto de 2022. Nin coa mellor vontade do mundo é posible seguir o fío do pensamento da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro (PSOE), na xestión dos principais asuntos do municipio. Por exemplo, non hai maneira de entender por que o goberno municipal non incluíu no programa das pasadas festas de Viveiro algunha verbena animada por algunha das orquestras que máis seguidores teñen nestes momentos en Galicia. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, explica que “no PP querémonos facer eco da queixa xeralizada entre os nosos veciños polo feito de que o Concello non contratara nin unha orquestra nas pasadas festas; é inaudita tal carencia no programada, cando as verbenas recobraron toda a súa puxanza, como se pode ver en moitos concellos de Galicia”.

O portavoz municipal do PP sinala: “Moitos dos nosos veciños, de todas as idades, pero especialmente os novos, saen de Viveiro en gran número para asistir a festas e verbenas nas que actúan as orquestras da súa preferencia. É triste que non puideran disfrutar na súa cidade do espectáculo que son algunhas das moitas grandes orquestras que hai en Galicia”.

Óscar Rodríguez non entende que puido motivar ao goberno de Viveiro, en xeral, e a alcaldesa, en particular, a ”castigar” sen orquestras aos veciños de Viveiro e a cantos visitantes se atopaban na cidade nos días en que se celebraron as festas.

Rodríguez sinala: “E unha carencia especialmente chamativa, polo feito de que no pasado mes de abril o Concello aportou 15.000 euros a unha asociación, de fóra de Viveiro, que trouxo á cidade unha orquestra (había que pagar entrada) e ademais puxo os servizos necesarios en casos así, entre eles, o de limpeza”. Engade: “É necesario que a alcaldesa ou outro membro do seu goberno expliquen aos veciños de Viveiro o castigo ao que foron sometidos, porque realmente non se pode interpretar doutra maneira o feito de que nas festas de Viveiro non houbera ningunha verbena animada por unha das grandes orquestras que ten Galicia”.

Exit mobile version