Os populares defenderán no pleno do xoves tres “interesantes” iniciativas en beneficio da xuventude, os veciños en terapia de recuperación física e empresarios e emprendedores
Burela, 2 de agosto de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela presentará no pleno deste xoves tres iniciativas que consideran “moi interesantes” para os veciños e veciñas. Especialmente para a xuventude, as persoas que pasan por un proceso de recuperación física e para os colectivos de empresarios e emprendedores.
O voceiro, Manuel Rouco, explica que “no primeiro caso estamos a falar dunha iniciativa que se recoñeza de xeito público e se premien os excelentes resultados académicos do alumnado de Burela”. Os populares recollen na súa proposta a creación duns premios municipais que “non só estean dotados do correspondente diploma acreditativo e dun galardón, senón tamén dunha contía económica que poñan máis en valor os méritos acadados polos estudantes da nosa vila”.
A segunda das iniciativas que o Grupo Municipal Popular defenderá no pleno está encamiñada a “favorecer a recuperación dos veciños que por dificultade ou imposibilidade para desprazarse é aconsellable que reciban coidados terapéuticos no seu domicilio”. Nese sentido, os populares demandan “a creación dun servizo de fisioterapia a domicilio de carácter municipal que dignificaría máis aos usuarios e melloraría as condicións sociais e terapéuticas dos mesmos”.
Rouco explica que a terceira das iniciativas está dirixida a solicitar que o Concello de Burela se adhira á iniciativa ‘Concellos Emprendedores’ que puxo en marcha a Xunta de Galicia. “Sorprendentemente nin o señor Llano nin o seu equipo consideraron oportuno que o noso concello estivera incluído ata o día de hoxe”, di o voceiro popular.
Os populares manifestan a súa sorpresa ante este asunto porque “isto suporía unha vantaxes competitiva clara para Burela á hora de solicitar axudas ou subvencións xestionadas polo goberno autonómico e das que xa dispoñen Concellos coma Cervo, Xove, Lourenzá ou Barreiros que decidiron adherirse a esta iniciativa xa fai tempo”. Con esta adhesión os empresarios e emprendedores tamén se beneficiarían de vantaxes fiscais coma a redución de ata o 95% do imposto de construcións (ICIO), de actividades económicas (IAE) ou de bens inmobles (IBI). Así mesmo, disporían de maior simplificación e axilidade na tramitación administrativa coma a concesión de licencias administrativas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais.
Fiscalización, pero tamén propostas e alternativas
O Grupo Municipal Popular segue, deste xeito, a presentar tantas iniciativas ante o pleno da corporación local coma o actual equipo de goberno. “Lideramos esta apartado unha vez máis ao mesmo tempo que somos a única formación que non só fiscaliza con rigor as actuacións do actual goberno local do señor Llano, senón que tamén presenta propostas e alternativas ao mesmo”, conclúe Rouco.