Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Barreiros propón mellorar a seguridade dos usuarios do aparcamento de San Cosme e dos peóns que usan a ponte vella do Barral, en Celeiro de Mariñaos

Os populares advirten do estado esvaradío do aparcamento que é unha lameira e da falta de conservación da ponte con maleza e sen varandas

Barreiros, 3 de agosto de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, traslada ao goberno local dúas demandas dos veciños e veciñas do casco urbano de San Cosme e da parroquia de Celeiro de Mariñaos dirixidas a mellorar a seguridade dos peóns no aparcamento urbano e na ponte vella do Barral.

O popular explica, por unha banda, que o aparcamento situado ao lado do centro de saúde e preto dos locais comerciais do centro urbano de San Cosme non dispón dun pavimento “en condicións”; senón que o chan é de terra e zahorra que cando chove, como non é de estrañar na Mariña, se converte nunha lameira. O seu estado supón un perigo para os usuarios que “poden esvarar e os vehículos poden patinar”. Ademais, “tras pisar neste aparcamento, os usuarios teñen que andar co calzado feito unha pena”. Polo tanto, o Grupo Municipal Popular demanda ao goberno local “botar grava para contar cun firme acorde ás necesidades da xente”.

En relación á ponte vella do Barral, na parroquia de Celeiro de Mariñaos, Gómez Puente explica que “está chea de maleza -herbas, silvas, etc.- que practicamente cobren a ponte e dificultan o paso dos peóns. Ademais, fáltalle unha varanda”. Polo tanto, “é perigosa para as persoas que cruzan o río por esta ponte que é un símbolo da parroquia. É apta para a circulación a pé, mentres que para o paso de vehículos foi habilitada outra ponte”, aclara.

O popular advirte de que estas dúas situacións supoñen un perigo para os usuarios e, polo tanto, urxen actuacións por parte do goberno local nacionalista. Gómez Puente explica, ademais, que “non requiren grandes investimentos económicos, senón vontade e unha boa xestión”, conclúe.

Exit mobile version