Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da Fonsagrada urxe ao goberno local do PSOE a cubrir a praza vacante na policía local

Os populares condenan “a deixadez total e absoluta” en materia de seguridade cidadá por parte do goberno local socialista que tamén desmantelou o GES

A Fonsagrada, 10 de agosto de 2022. O voceiro do PP da Fonsagrada, Jose Regueiro, pide ao goberno local do PSOE que faga as xestións oportunas para cubrir de xeito urxente e temporal a praza de policía local, que na actualidade está vacante, por atoparse o titular prestando servizo noutro municipio en comisión de servizo “autorizada polo alcalde”.

Os populares urxen a tomar medidas co obxectivo de “velar pola seguridade dos fonsagradinos” debido ao “caos circulatorio que se vive a diario no casco urbano, especialmente polas mañás e que se agrava agora no verán coa maior afluencia de xente”. Regueiro considera que “esta situación pode supoñer riscos para os condutores e, sobre todo, para os peóns”.

A comezos deste ano 2022, os populares xa advertían que o alcalde deixaba ao concello sen policía local ao amortizar a praza nos orzamentos municipais aprobados polo PSOE coa necesaria abstención do BNG. “Tras aprobar a prórroga – o pasado mes de maio- da comisión de servizo ao axente que ten praza na Fonsagrada, o noso concello continúa sen ningún efectivo que regule o tráfico no casco urbano nin os mercados ou as sacas de madeira polos camiños municipais”, manifesta.

Deixadez en materia de seguridade cidadá
O voceiro popular lamenta tamén as deficiencias na sinalización viaria do núcleo da Fonsagrada porque tamén poden constituír “certos perigos”. Regueiro explica que “a sinalización horizontal está en mal estado: están despintados algúns pasos de peóns e prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e, incluso, os sinais horizontais contradín as indicacións dos sinais verticais xerando confusión, sobre todo, entre os nosos visitantes que non coñecen a nosa vila do día a día”. A isto hai que engadir que “a ubicación dalgúns contedores no casco urbano dificulta o paso de peóns”.

O popular condena, polo tanto, “a deixadez total e absoluta” do goberno local socialista en materia de seguridade cidadá. Á falta dun axente de policía local, “hai que engadir tamén o desmantelamento do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES)”.

Exit mobile version