Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que “a deficiente xestión do goberno local provocou que Burela dera unha mala imaxe durante este verán, a causa do pésimo estado das zonas verdes e de ocio”

O Grupo Popular de Burela desexa “que o recurso do goberno socialista para adecentar as zonas axardinadas non volva ser o de substituír o verde, que caracterizou a este concello, polo gris do formigón, como sucedeu recentemente na zona do Paseo do Portelo”

Burela, 30 de agosto de 2022. O aspecto que ofreceu Burela ao longo do verán foi facilmente mellorable; dito doutro modo, a moi deficiente xestión do goberno local, presidido polo alcalde Llano, fixo que a vila tivera un notable déficit de limpeza e mantemento nas súas zonas verdes e de ocio. O portavoz popular, Manuel Rouco, pregúntase “ao rematar o verán por que o goberno socialista trasladou esta imaxe tan lamentable da nosa vila; preguntámonos por que non se fixo nada por adecentala, unha pregunta que é recorrente entre a veciñanza de Burela”.

Rouco di que “o goberno local dedícase a sacarse foto a carón de obras froito da esquilma das arcas municipais e, sen embargo, a limpeza das zonas públicas segue pendente”. Engade: “Un exemplo do que os nosos veciños nos trasladan é o estado lamentable no que se atopa a zona verde situada fronte á praia urbana do Portelo, en plena avenida de A Mariña, que está totalmente infestado de malas herbas e sen adecentar ao longo de todo o verán”.

Os populares sinalan que ao deficiente estado da zona verde citadaAh súmase o abandono doutros puntos da vila, cuxo mantemento é de competencia municipal, como é o caso do acceso a Burela dende Cervo, onde as herbas colonizan as beirarrúas; tamén o mal estado da área recreativa do Monte Castelo, na que o mantemento brilla pola súa ausencia, ou en Torrentes, onde, en varios puntos, os peóns teñen que abandonar a beirarrúa para poder camiñar sen darse de bruzos coa maleza”.

Rouco declara: “Desexamos que o recurso do goberno socialista para adecentar as zonas axardinadas non volva ser o de substituír o verde, que caracterizou a este concello, polo gris do formigón, como sucedeu recentemente na zona do Paseo, onde se instalou a caseta dos socorristas na praia urbana do Portelo”. Lembra que “Burela, con gobernos do PP, chegou a ser galardoada como Concello Verde de Galicia; os populares queremos que Burela volva ser un concello atractivo para os nosos veciños e veciñas, así como para os seus visitantes e para iso hai que telo limpo e coidado”. Di tamén: “Queremos que en Burela siga a predominar o verde nos seus parques e nas zonas públicas de ocio, e non o triste gris que só serve para tratar de encubrir a incapacidade do goberno local socialista”.

Exit mobile version