Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa a Cajoto de desaproveitar “o que debeu ser o verán da recuperación para Foz, e foi o da mala imaxe e o caos; o das obras inacabables e a improvisación”

No Partido Popular din que “houbo unha enorme falta de servizos, porque o goberno local non quixo facer o que lle dixemos no seu momento, que era que deseñara e executara un plan de emprego, para levar adiante todos as obrigas municipais para tanta xente como houbo en Foz”

Foz, 29 de agosto de 2022. O socialista Francisco Cajoto non acaba de superar a fase de prácticas á fronte do Concello e un verán máis Foz deu unha mala imaxe a causa da deficiente xestión do goberno local que preside. O portavoz popular, Javier Castiñeira, lamenta ter que facer un balance negativo, pero di que o equipo de goberno non estivo á altura das circunstancias nestes meses nos que o pobo rexistrou unha gran cantidade de visitantes.

O portavoz popular sinala: “Dentro da acción política do PP, no marco da labor de oposición do Partido Popular de Foz, a nosa intención é seguir sumando a prol do concello de Foz. Por iso, lamentamos ter que facer unha valoración, deste verán e da labor do equipo de goberno, francamente negativa, porque non houbo máis que improvisación, parálise e obras de pequena envergadura, pero interminables, que crearon o caos circulatorio no núcleo urbano”.

Castiñeira declara: “Houbo unha enorme falta de servizos, porque o goberno local non quixo facer o que lle dixo o PP no seu momento, que era deseñar e executar un plan de emprego, para levar adiante todos as obrigas municipais para tanta xente como houbo en Foz”. Engade: “A presencia de moita xente xogou en contra deste equipo de goberno, porque non foi capaz de dar os servizos adecuados. Non hai máis que ver a falta de limpeza que houbo no pobo, cos contedores desbordados e sen persoal para limpar; houbo falta de persoal en moitos servizos como en socorrismo, nas obras e na recollida de lixo ou a xardineiría”.

Os populares aseguran que este verán “non houbo planificación ningunha por parte do Concello; foi unha improvisación absoluta do señor Cajoto, que non atendeu ás propostas que lle fixo o PP antes do verán”. Este verán, di Castiñeira, “debía ser o da recuperación e foi o da mala imaxe, do caos e da parálise”.

Castiñeira asegura que na zona rural “hai innumerables queixas con respecto ao equipo de goberno, entre outras cousas, por falta de levar a cabo rozas e pola falta de implicación no que é a vida das parroquias”.

Castiñeira aclara que o balance que fai é o do PP, pero responde “ao que escoitamos á xente, tanto aos visitantes como aos veciños de Foz, e, en especial, a todos aqueles que organizaron eventos e sufriron a falta de planificación por parte do equipo de goberno”. Está convencido de que “o que salvou os mobles foi o compromiso e a profesionalidade do persoal municipal, que se esforzou máis que nunca para manter a mellor imaxe posible do Concello de Foz; tamén ás asociacións e comisións de festas, que volveron á normalidade polo seu esforzo e non polos méritos do equipo de goberno, que sigue a ser un goberno en período de probas”.

O portavoz popular sinala: “Queda un ano de mandato e lamentamos que o goberno local non usara as melloras que houbo tanto nos orzamentos como no financiamento de moitas actividades, de maneira que repercutira nun bo funcionamento do grupo de goberno”.

Exit mobile version