A última comparativa publicada pola Asociación de Empresas con Grande Consumo de Enerxía (AEGE) amosa que as empresas españolas pagan un 59% máis que as súas competidoras en Francia, cun prezo de 241,52 e 151,96 €/MWh respectivamente
Santiago, 25 de agosto de 2022 Ante a pasividade do Goberno central na adopción de medidas para permitir a viabilidade da industria electrointensiva, o Grupo Parlamentario Popular demandará no Parlamento de Galicia adoptar medidas por parte do Executivo de Pedro Sánchez, tomando como exemplo os plans autorizados pola Comisión Europea a outros estados membros da UE, como Alemaña, Holanda ou Finlandia, en favor de empresas de gran consumo enerxético.
Así mesmo, solicita na iniciativa parlamentaria avanzar na tramitación do PERTE anunciado polo Goberno para á descarbonización da industria electrointensiva, concretando prazos e os programas a impulsar no marco dunha cogobernanza real e efectiva.
Ademais, solicita explorar o deseño de mecanismos de colaboración análogos ao asinado con ArcelorMittal co fin de apoiar o futuro da plan de Alcoa en San Cibrao.
AXUDAS ECONÓMICAS EN ALEMAÑA, HOLANDA OU FINLANDIA
A voceira de Industria, Marta Nóvoa, sinala que Alemaña, por exemplo, ten autorizado 27.500 millóns de euros para o período 2021-2030 co fin de compensar o 75% dos custos indirectos de emisión incorridos en favor de empresas en sectores con risco de fuga de carbono. Esta axuda se suma á aprobada en xullo por 5.000 millóns de euros ao abeiro do Marco Temporal de Crise, polo que a axuda global aos grandes consumidores de enerxía que sufran perdas de explotación en Alemaña poderán chegar ata o 50% dos custos subvencionables, e incluso ao 70% para aqueles que operen en sectores ou subsectores especialmente afectados pola situación da economía tras a agresión contra Ucraína por parte de Rusia.
A Comisión Europea tamén autorizou as axudas presentadas por outros países da Unión, como Holanda ou Finlandia, en favor de empresas de gran consumo enerxético, ao abeiro das directrices sobre as condicións das axudas estatais no contexto do réxime de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro despois de 2021, segundo indica a iniciativa parlamentaria popular.
Pola contra, indica Marta Nóvoa, o Executivo central está actuando cunha total falta de interese e o único que está a provocar coas súas decisións improvisadas é poñer en risco a localización industrial en Galicia e o emprego, principalmente das empresas cun grande consumo enerxético, provocando paradas ou a redución na súa produción, como ten acontecido con Alcoa en San Cibrao ou con Ferroatlántica en Sabón, por citar algúns exemplos, dentro dun sector declarado estratéxico para Galicia e que dá emprego ao redor de 5.000 persoas.
O Executivo central é incapaz de adoptar un paquete de medidas que realmente permitan á industria española contar cun prezo eléctrico competitivo e estable, sinala o Grupo Popular na iniciativa parlamentaria. Así, na última comparativa publicada pola Asociación de Empresas con Grande Consumo de Enerxía (AEGE) amosa que as empresas españolas pagan un 59% máis que as súas competidoras en Francia, cun prezo de 241,52 e 151,96 €/MWh.
Isto supón un grave risco de deslocalización, máis se cabe pola falta de novas sobre o PERTE para a industria electrointensiva, anunciado en febreiro deste ano pola ministra de Industria, Comercio e Turismo e a falta de mecanismos para poder establecer contratos bilaterais que poidan abaratar o prezo enerxético, así como calquera outra iniciativa para que estas empresas poidan competir en igualdade de condicións con outros territorios, como é o caso da bonificación das peaxes de transporte, segundo a iniciativa parlamentaria do Grupo Popular.