“O PP sempre acata e respecta as sentenzas dos tribunais e, nesta ocasión, non vai ser diferente” e lembran que non é unha resolución firme polo que aínda cabe recurso contra a mesma
Burela, 11 de agosto de 2022. O voceiro popular de Burela, Manuel Rouco, aclara que “o goberno local aprobou a ordenanza municipal do peche de fincas que establece obrigas para os veciños de costas á propia veciñanza e sen darlle a oportunidade de presentar alegacións”. De feito, no escrito remitido polo Concello ao TSXG, o propio goberno local recoñece -e o tribunal testemuña- que se vulnerou o dereito de consulta pública previa”.
Os populares piden ao alcalde que “retire esta ordenanza e abra un tempo novo de diálogo cos veciños e co principal partido da oposición para chegar a unha nova norma de consenso”. De feito, o Grupo Municipal Popular sempre mantivo que “esta normativa municipal era ben intencionada, pero pouco madurada. Lonxe de aclarar o procedemento que debe seguir un veciño propietario dunha finca, ofrece novas dúbidas”, explican.
“Tal e como está plantexada o único que fai é gravar máis a economía da veciñanza de Burela ao tratar de tapar as vergoñas do goberno local incapaz de garantir unha axeitada xestión da biomasa nos numerosos solares co consecuente risco sanitario, de incendio e incluso provocando feísmo paisaxístico e restando valor a fincas e propiedades lindeiras”. Polo tanto, instan ao goberno local a “que demostre o seu compromiso real coa frase ‘Burela Bonita’ que vai moito más alá dun simple slogan e require unha verdadeira xestión dos solares descoidados que se multiplican pola vila”.
A propia sentenza recoñece que o obxecto do recurso -a omisión do trámite de información pública durante á elaboración dunha ordenanza municipal- non é unha cuestión pacífica; xa que está xerando debate entre os tribunais e incluso resolucións contraditorias: “a propia sala do TSXG recoñece que, ata o de agora, viña mantendo a esixencia de consulta pública previa tal e como sucedeu, por exemplo, coa ordenanza do servizo integral de augas de Cangas. E, ademais, indica que o Tribunal Supremo aceptou numerosos recursos de casación neste sentido”. Polo tanto, “está cheo de fundamento considerar cuestionable a forma de aprobar esta ordenanza por parte do goberno local”.
“O PP sempre acata e respecta as sentenzas dos tribunais e, nesta ocasión, non vai ser diferente”. Con todo, lembra que esta non é unha resolución xudicial firme. Cabe recurso contra a mesma que está a ser valorado polos servizos xurídicos do partido. “Non imos dar por perdida a loita pola defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Burela neste asunto”, subliña o portavoz.
O Grupo Municipal Popular tamén respecta o labor dos técnicos municipais, “como sempre fixemos” e aclara que “do que dubidamos en todo momento é do proceder do goberno local do señor Llano ao longo deste mandato ante o que que lle gustaría que o Grupo do PP de Burela estivera en silencio do mesmo xeito que o fai o BNG. Pero estamos a fiscalizar con rigor a toma de decisións deste goberno local e así o imos seguir facendo”, conclúe.