Un mes despois da súa celebración, Vía Alfoz fai balance do custe dun evento marcado pola pésima organización por parte do goberno local
Alfoz, 16 de agosto de 2022. O Mercado Medieval de Alfoz, que este ano organizou “en exclusiva” o Concello de Alfoz, “tal e como proclamou exultante o alcalde Jorge Val durante o pregón desta edición”, xa acumula, de momento, máis de 13.000 € de gastos, segundo os datos iniciais aos te tivo acceso Via Alfoz. Para a formación independente isto supón un auténtico dispendio, tendo en conta o nefasto resultado do mercado onde “apenas había media ducia de postos fronte ao medio cento que se podía ver nas últimas edicións”.
Desde VIA Alfoz consideran que a pésima organización desta edición do Mercado Medieval de Alfoz, mostra a falta de coñecemento e de capacidade de xestión do actual goberno municipal, quen vén de “tirar por terra todo o traballo feito pola veciñanza de Alfoz” nos máis de vinte anos de existencia dunha cita que, outrora, era recoñecida en Galicia entre as festas de recreación histórica. Un evento que, segundo lle indicaba Jorge Val aos antigos organizadores, “nós somos capaces de organizalo en catro días”. Na actual edición, “non sabemos cantos días tardaron en organizalo o señor Val e a señora Incera, responsable de turismo do concello, o que sabemos é que lles costará máis de 13.000 € ás arcas municipais, o que supón un auténtico disparate vendo o que se organizou”, apuntan desde Via Alfoz.
Ademais, Via Alfoz non entende como, desde o goberno local, se pretende responsabilizar deste fracaso aos anteriores organizadores cando o Concello asumiu a organización xa na edición de 2019, nin tampouco como se pode culpar aos que non asistiron a esta edición, “a falta de afluencia ao evento é unha consecuencia e non unha causa deste desastre” e recordan que, a nefasta organización, “fixo que houbese postos que decidiron marchar do evento xa na primeira xornada e outros que deron volta antes de montar”. Ademais, sinalan que a xente que asistiu o venres deuse conta de que a celebración se convertera nun paseo de políticos afíns e non nunha festa de recreación histórica e indican que “ultimamente o señor Val dedícase a pasear políticos polo noso concello, pois debe pensar que é mellor oír os seus consellos partidistas que non escoitar á xente de Alfoz”. Neste sentido, Efigenia Maseda, Presidenta de Via Alfoz, engade que “ os políticos que, antes do pregón, se encargaron de facer propaganda do PSOE e dos cartos que investía a Deputación neste evento, non deberían estar moi orgullosos do resultado”.