Dende o Concello destácase a canteira de surfistas formados na escola viveirense
Viveiro, 25 de agosto de 2022. O Concello de Viveiro felicita aos catro integrantes da Viveiro Surf Escola polo seu éxito no Campionato de España de Surf por Comunidades Autónomas. Catro membros da escola viveirense representaron á selección galega nesta competición, acadando a medalla de bronce por equipos.
Este éxito súmase a numerosos resultados destacados da escola noutras competicións. Neste sentido, o Concello de Viveiro eloxia o traballo da escola de surf na formación de deportistas, que repercute nestes importantes resultados.
A competición celebrouse durante esta semana na praia da Frouxeira, en Valdoviño. Esta edición supuxo a primeira vez que a escola viveirense lograba que catro dos seus deportistas estivesen incluídos na selección galega.
Concretamente, da Viveiro Surf Escola participaron Uxío Rodríguez, como técnico; Lucía Martínez, en sub-16 e sub-18, Claudia Prieto, en open feminino, e Jorge Guerreiro en sub-18. Grazas á súa actuación xunto ao resto do equipo, a Selección Galega logrou o bronce neste campionato.
“Dende o Concello de Viveiro felicitamos a esta escola non só polo seu éxito neste Campionato, senón tamén pola importante canteira de deportistas que forman. Grazas a este esforzo, Viveiro posiciónase como un referente a nivel nacional neste deporte”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.