Ribadeo, 30 de agosto de 2022. O Concello de Ribadeo seguirá a colaborar cos traballos arqueolóxicos na ría. A alcaldesa en funcións, Mónica Freire, e os concelleiros de Turismo e de Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, asistiron este mediodía no porto á presentación do último achádego localizado. Trátase dos restos dunha barca medieval de pasaxe, que supoñen a primeira proba material do transporte usado na peregrinación a Compostela. No acto participaron o arqueólogo Miguel San Claudio e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A rexedora declarou que “o Concello está colaborando xa desde hai moito tempo con estes traballos de arqueoloxía. Queremos poñer en valor estes achádegos porque ademais da súa importancia histórica e patrimonial promocionan o nome de Ribadeo”.
Freire Rancaño indicou que “desde o Concello de Ribadeo vamos seguir colaborando en todo o que poidamos e traballando tamén con este tipo de iniciativas, como xa fixemos en anos pasados cunha axuda que solicitamos ao GALP. Este proxecto denominado Retornos do Pasado ten o propósito de estudar os restos arqueolóxicos que se conservan no fondo do porto de Ribadeo para coñecer a nosa historia e a nosa cultura”.
A alcaldesa ribadense lembrou que “continuando coas accións levadas a cabo no marco deste proxecto para o estudo e difusión da cultura marítima de Ribadeo ao longo dos últimos tempos, o pasado 26 de agosto tivo lugar unha charla de Miguel San Claudio para difundir os novos achádegos. Foi un encontro moi interesante, onde se puideron ver os elementos atopados así como coñecer e aprender sobre a historia do galeón afundido”.
E engadiu que “na mesma liña, este próximo sábado, 3 de setembro, terá lugar unha nova charla seguida de inmersións para coñecer de primeira man os tesouros agochados na nosa ría. Para poder participar é preciso contar con título de mergullo e seguro. A xornada comezará no Club Náutico de Ribadeo a partires das 8 da mañá e será unha oportunidade para coñecer e gozar da riqueza arqueolóxica da ría, un dos recursos máis importantes da nosa zona”.
A barca medieval localizada foi construída entre os anos 1050 e 1260 e era empregada para cruzar a ría de Ribadeo.