O rexedor dixo: “hoxe quero expoñer unha reflexión das moitas pedras no camiño que poden ir aparecendo cando se queren facer cousas. Nos meses anteriores estivemos traballando duramente desde o goberno municipal para facer realidade un ambicioso proxecto de arranxo do firme da estrada que vai ao Faro, e aproveitar para facer un circuíto de carril bici para o uso e desfrute da cidadanía en todos os segmentos de idade”.
Suárez Barcia lembrou: “redactamos un ambicioso proxecto que contempla unha ruta circular empezando na praia dos Bloques, continuando polo paseo marítimo, empatando coa estrada ao Faro e seguindo polas pistas de Campoxurado ata o encontro co vieiro provincial de Vilaselán. Un proxecto que saíu a licitación a finais do ano pasado e que conta cun importantísimo financiamento da Deputación de Lugo, posto que financia o 78% dos 320.000 euro do proxecto. E o Concello, por suposto, financiaba os 70.000 euros restantes”.
O alcalde ribadense explicou que “o caso foi que o proxecto licitouse e adxudicouse a principios desde ano 2022, pero axiña fomos vendo, a través de numerosos informes técnicos, que a empresa adxudicataria non cumpría cos compromisos de prazos e de correcta execución proxectada. De aí que tivemos que iniciar un complexo proceso de rescisión do contrato, ao tempo que a redacción dun novo proxecto que excluíse as partidas xa feitas e que incorporase os novos prezos dos materiais que tanto subiron nos últimos tempos”.
Fernando Suárez contou que “a día de hoxe estamos na fase final do proceso de rescisión e ao mesmo tempo cun novo proceso de licitación para executar todo este proxecto antes de final de ano, pois se non perderiamos a axuda da Deputación e iso sería un drama, aparte de non ver conseguido un paseo marítimo moderno, agradable e funcional como este proxecto plantexa”.
O rexedor anunciou que “con todo, e dada a situación de degradación do firme, especialmente da estrada ao Faro, mañá mesmo faranse unha serie de rebacheos para garantir a seguridade pública. O custo desta actuación de emerxencia será imputado ao contratista logo de desatender os requirimentos que a dirección de obra lle foi facendo formalmente”.
E engadiu que “toda esta explicación quérese ofrecer para que a cidadanía poida comprender a demora nestes traballos, e que ao mesmo tempo saiba que seguimos traballando arreo para rematar esta importante obra canto antes”.