O orzamento total da obra supera os 160.000€, froito dun convenio subscrito coa Xunta de Galicia, que subvenciona o 74% da actuación
Cervo, agosto de 2022. O Concello de Cervo vén de iniciar unha actuación de renovación da rede de saneamento do Polígono de Cuíña, que contempla tamén a execución de novas beirarrúas “que contribuirán a reforzar a seguridade dos peóns e a humanizar toda a esta contorna” que é de por si unha zona moi concorrida pola situación do complexo deportivo, dos centros escolares, do centro de saúde ou do Centro de Día Residencia.
O rexedor, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a concelleira de Obras, Mali Méndez, achegáronse este mediodía ata a zona para supervisar os traballos que suporán un investimento de máis de 160.000 euros (164.175,54 euros concretamente), que serán subvencionados ao 74% pola Xunta de Galicia ao abeiro da liña de habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia; e o restante con fondos propios.
Tal e como explicou Villares, a obra afecta á marxe dereita da vía LU-P-1510, no polígono de Cuíña, e consistirá na mellora das beirarrúas da zona principal de acceso ao parque empresarial, na zona que linda co polideportivo da Veiga, ampliando o ancho da mesma “para mellorar a accesibilidade de toda a zona”. Vaise executar tamén un muro de contención para reforzar o xa existente que contén a vía de acceso e instalarase unha nova varanda de acceso ao pavillón.
Ademais -engadiu- renovarase a rede de saneamento existente, separando as augas fecais e pluviais, e instalaranse canalizacións soterradas para os distintos subministros do polígono como o alumeado público.
Apuntou o rexedor que “esta obra é a continuación de todas as actuacións que vimos facendo para facilitar o acceso ao Polígono Industrial de Cuiña desde o núcleo de San Ciprián e mellorar o seu tránsito peonil, así como tamén facer máis atractivo o enclave para que entidades empresariais contemplen establecerse nel e para as que xa están”.