Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo fai un chamamento ao civismo durante a Festa da Maruxaina

Villares: “É compatible pasalo ben, con respectarnos, primerio entre nós, e tamén ao mobiliario público, á contorna e ao medio natural”

Cervo, 11 de agosto, 2022. Desde o Concello de Cervo fan un especial chamamento ao civismo para que “a todos, veciñanza e visitantes, nos quede un gran recordo desta edición da Festa da Maruxaina” cuxo día grande será o vindeiro sábado, pero que xa arrincará o venres coas actividades previas da Pre-Maruxaina (Chupinazo, concentración de Maruxainos/as na Prazoleta, degustación de empanada e bolos preñados, e nomeamento do Maruxaino/a de Honra a Cargo da asociación Amigos da Maruxaina)

Neste senso, pídese a colaboración de todos/as para contribuír a que San Cibrao amenza cunha boa imaxe o domingo, trala Festa.

O persoal municipal de limpeza está preparado para elo. Pídese que non se tire nada ao chan e que se utilicen os contedores e as papeleiras instaladas.

Así mesmo, tamén se reforzará a seguridade, tanto pública como privada, para garantir o bo desenvolvemento da Festa

Tamén, como medida de seguridade, a circulación na vila estará restrinxida, para facilitar tamén o paso dos vehículos de emerxencia, no caso de que fose necesario; con pases especiais para aquelas persoas que teñan garaxe no centro.

Reforzaranse os aseos públicos e a súa situación estará sinalizada sobre un mapa. Tamén se instalará un posto específico de seguridade e un Punto Lila de información sobre a violencia de xénero

“Entre todos/a temos que conseguir que a Festa flúa de xeito positivo e que esta edición da Maruxaina quede no noso recordo como unha das mellores,
por unha diversión sa e respectuosa co medio e coas persoas”, apuntan dende o Concello

Exit mobile version