Substituirase a rede actual aplicando un saneamento separativo e cambiando a capa de asfaltado que había por un solado de adoquín de granito
Burela, 8 de agosto de 2022. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o tenente de alcalde e edil de Obras e Servizos, Ramiro Fernández, supervisaron as obras que renovarán a rede de abastecemento de auga e o pavimento da rúa da Capela, na Vila do Medio, cun orzamento de execución que ascende a 120.153,41 euros financiado exclusivamente coas arcas municipais.
As actuacións, que xa se iniciaron, substituirán a actual rede de abastecemento de auga, ordenando as redes privadas que discorren pola rúa cun saneamento separativo que ata o de agora non existía. Tamén se renovará esteticamente a contorna mudando a capa de asfaltado actual por un solado de adoquín de granito, garantindo a accesibilidade de todas as persoas cunha plataforma única sen desniveis.
A obra proxecta polo tanto unha rede de augas pluviais para recoller as baixantes e a escorrentía superficial por medio de sumidoiros dispostos ao longo da rúa, e outra rede separada de augas negras para recoller as acometidas ás vivendas. Ademais, restituirase a cota das tapas dos pozos existentes de toda a superficie afectada polas obras.
“A proposta baséase en dotar a estas rúas do barrio histórico de Burela dunha pavimentación e dunhas instalacións urbanas apropiadas, poñendo en valor a zona”, sinalou o tenente de alcalde, “facéndoa atractiva para que a xente decida invertir aquí”.
Pola súa banda, o rexedor subliñou “a importancia de ir mellorando esta zona histórica e de grande valor arquitectónico e artístico xunto á Igrexa da Vila do Medio, adaptándoa aos tempos en canto ás instalacións e respectando e potenciando o seu valor cultural”.