Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG quere aclarar a realidade en torno ó cemiterio de Burela

Os nacionalistas matizan que a problemática é anterior á segregación

Burela, 10 de agosto, 2022. Nas últimas datas saíu á actualidade burelá a situación do cemiterio municipal, despois de que os representantes da empresa que cobra polos nichos fixeran pública a súa intención de renunciar á xestión.

O voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, quixo aclarar que “é un asunto que non está directamente relacionado coa segregación como se está a dicir, posto que a proposta de Construcciones Mon SL ó Concello de Cervo é de 1983 e os acordos para que a empresa levara a cabo a obra son dese mesmo ano e do 1985. De feito, nun informe xurídico de 1988 fálase da nulidade dos mesmos por incumprir a legalidade en diversos termos”.

O concello de Burela non pode gastar un céntimo en resolver a relación coa empresa

Para o voceiro do bloque, “dada a situación irregular de partida desta instalación e que a empresa o único que fai é cobrar polos nichos posto que o mantemento corre a cargo do concello nos cremos que das arcas municipais non pode sair un só euro para solucionar a relación empresarial, por moito que se intente condicionar polo seu lado. Debemos mirar o interese da veciñanza, as veciñas e os veciños de Burela non poden pagar a mala praxe á que estamos acostumados nesta vila”.

Por último, o voceiro do BNG Mario Pillado indicou que “estes feitos falan do que significa a marca PP, tanto no concello de Burela como anteriormente no concello de Cervo, irregularidades e beneficios para empresas privadas na contra do interese da veciñanza”

Exit mobile version