Montserrat Prado asegura na concentración cidadá de Sanxenxo que o BNG vai estar sempre do lado da cidadanía na defensa da sanidade pública
Santiago de Compostela, 27 agosto 2022. A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, exixiu á Xunta que rectifique as súas políticas sanitarias e articule medidas urxentes para solucionar a situación extrema que padece a sanidade pública galega en xeral e a Atención Primaria en particular, logo de advertir que Galiza estase a converter nun “clamor” diante da “desfeita sanitaria” creada polo PP.
Así o afirmou na concentración celebrada en Baltar, Sanxenxo, convocada pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo para esixir unha atención sanitaria digna no concello e na que tamén afirmou que o BNG vai estar, “ao igual que está hoxe aquí”, do lado da cidadanía exixindo medidas para solucionar a grave situación que sofre a sanidade pública galega.
A deputada nacionalista considerou “máis que xustificada” a concentración nun concello que ve multiplicada a súa poboación durante o verán e que, lonxe de aumentar os recursos para prestarlle atención sanitaria, estes vense reducidos. “As axendas para poder pedir cita están pechadas, non hai reforzos para atender ás miles de persoas que veñen de fóra e no PAC, onde tiña que haber dous profesionais e un máis de reforzo, soamente hai unha persoa e cando a hai, porque moitos días o PAC estivo sen un só profesional”, advertiu, para engadir que no concello do Grove, para unha poboación de 11.000 habitantes, tamén multiplicada no verán, “levan dende hai médicos cun ou dous médicos, sen poder pedir cita ata outubro e sen médico ou médica no PAC cantidade de días”.
Para Prado, a situación sanitaria do Salnés representa o “KM 0” da “dramática” realidade sanitaria do País, “onde se visualiza con toda claridade a desfeita sanitaria creada polo PP, consecuencia de 13 anos de políticas premeditadas, da voadura programada do PP, que foi facendo todo o posible, con recortes orzamentarios e modificacións lexislativas, para chegar a esta situación”.
Nesta liña, asegurou que o grave deterioro da sanidade pública galega nin “é puntual nin unha cuestión de última hora”, senón consecuencia de “13 anos de políticas premeditadas, dunha voadura programada do PP, que foi facendo todo o posible, con recortes orzamentarios e modificacións lexislativas, para chegar a esta situación”.
Segundo recalcou, “non hai profesionais porque fixeron todo o posible para que non os houbera, porque que non haxa médicos e médicas, que non haxa pediatras ou que non haxa enfermeiras é consecuencia de como está sanitario galego, porque non soportan traballar nestas condicións, porque foxen despavoridos”.
Así, recordou que “levamos anos en Galiza nos que a inmensa maioría das e dos profesionais que rematan a súa formación na especialidade de familia e comunitaria non queren logo traballar na Primaria galega” e exemplificou cos datos deste mesmo ano: das e dos 89 que remataron, dos que apenas 30 aceptaron algún contrato na Atención Primaria de Galiza e, concretamente na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, só unha persoa das 11 que remataron a súa formación aceptou un contrato. “Evidentemente o PP terá que dar contas de por que as e os profesionais non aceptan traballar para o que se formaron e é evidente que non aceptan porque non soportan esta situación, porque non poden prestar unha mínima atención sanitaria, porque ven que teñen o risco de cometer erros diagnósticos”, alertou.
Neste contexto, insistiu en urxir á Xunta a mudar as súas políticas sanitarias que están provocando que miles de galegos e galegas non teñan médica ou médico asignado, que teñen que agardar semanas para ter unha cita ou aos que se lles pecharon os consultorios, que haxa case 200.000 persoas agardando por unha consulta hospitalaria e outras 40.000 esperando por unha intervención cirúrxica ou miles de nenos e nenas por todo o País sen pediatra e, todo, coas e cos profesionais completamente exhaustos.
Así pois, a portavoz nacionalista de Sanidade reclamou medidas urxentes, máis tendo en conta a previsión de profesionais que se van xubilar nos vindeiros anos, e incidiu nas alternativas que defende o BNG. “Porque claro que hai alternativas”, asegurou, para apuntar neste sentido a un aumento do orzamento en Atención Primaria, no inmediato, de 200 millóns de euros, para alcanzar así como mínimo a media estatal, que se sitúa no 14% do investimento sanitario.
De igual xeito, apostou polo incremento da estabilidade dos cadros de persoal e por desenvolver un Plan de retorno, captación e fidelización de profesionais, con ofertas atractivas e competitivas, e pola incorporación de novas categorías profesionais que contribúan a desconxestionar a atención sanitaria, nomeadamente a Atención Primaria. “Hai alternativas e o que fai falta é a vontade política do PP para poñelas en marcha”, concluíu.