Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo defende o acceso libre á Illa Pancha e, a través da súa acción de goberno no concello, loita para que sexa unha realidade

Ribadeo, 11 de agosto, 2022. Ao longo deste proceso de concesión dunha licenza para explotar de forma privada unha parte da Illa Pancha, a prudencia foi a guía que orientou a actuación do goberno do BNG. Cada decisión que tomaban as autoridades competentes sobre a explotación da Illa Pancha foi analizada polo miúdo para dar a resposta acaída por parte do goberno municipal. O obxectivo deste era non incorrer en erros que puidesen derivar en actuacións unilaterais adoptadas por parte do Concello de forma precipitada e que puidesen dar pé a procedementos xudiciais que se volvesen contra o Concello de Ribadeo e contra as súas arcas públicas, as de todas e todos nós.

Tanto a Xunta como Portos do Estado teñen tomado decisións a respecto de Illa Pancha que, gustándonos máis ou menos, ou nada, en canto foron adoptadas de xeito formalmente correcto, a reacción ante elas, no que a procedemento administrativo se refire, era a que estaba regrada. Podemos imaxinarnos mil e un preitos ao respecto, pero non se ve que fosen moi viábeis cando outras organizacións políticas puideron ter abordado o tema con recursos xudiciais e desistiron. Unha licenza de obra, ou de permiso de actividade empresarial, solicitada en tempo e forma cos informes preceptivos, non pode ser rexeitada sen caer en prevaricación.

Con respecto ás decisións tomadas no ámbito competencial da Xunta de Galicia, temos que facer notar que non houbo cambios na cor política do goberno da Xunta de Galicia, pero pódenselle, e téñenselle reclamado, explicacións. Desde 2018, tras a moción de censura a Mariano Rajoy, houbo un cambio no goberno central que podería ter botado luz sobre o tema que tratamos. Pero, incluso despois co goberno de coalición PSOE-Unidas/Podemos desde decembro de 2019, poderíase ter clarificado a cuestión. En efecto, tardaron ben tempo en recoñecer o problema e tomar a decisión de obrigar a facer libre o acceso a Illa Pancha. E iso que o mesmo Defensor del Pueblo, Francisco Fernández Marugán, tiña amosado as súas suspicacias sobre o asunto; e tamén despois o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciárase sobre o tema defendendo o acceso libre á illa.

Pero dito goberno, en concreto o seu Ministerio de Fomento, máis especificamente a Autoridade Portuaria, singularmente a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, tardaron ben tempo en recoñecelo e mostrar interese por obrigar a facer libre o acceso a Illa Pancha. E iso que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fallou, tras o recurso interposto polo Concello de Ribadeo, gobernado polo BNG de Ribadeo, que había que abrir a cancela de acceso á Illa Pancha e deixar entrar libremente á illa.

O BNG e o Goberno Municipal de Ribadeo sempre estiveron atentos en todo este proceso para acadar o obxectivo de conseguir acceder libremente á Illa Pancha. Desde o Goberno de Ribadeo nada se obxectou ás actividades que o Estado puidese concesionar nesta illa, apartamentos turísticos ou unha cafetaría, como de feito fai noutros espazos públicos da súa titularidade no resto do litoral. O que sempre rexeitou o Concello foi que un concesionario duns 500m2 se apropiase de facto dos 12.000m2 da superficie total da illa.

Custou moitos esforzos lograr que as autoridades competentes entrasen en razón. O goberno municipal do BNG non deixou nunca este tema de lado. E ten advertido en moitas ocasións de que as sentenzas emitidas sobre este tema ou non eran cumpridas, ou só o eran cando lle conviña á empresa concesionaria. Pero non nos enganemos: os concellos teñen as competencias que teñen; no se poden atribuír as que son propias dos gobernos autonómico ou central. Atender ao papel que xoga cada quen nesta historia é crucial para non se perder en mil e unha leas interesadas.

Exit mobile version