Ribadeo, 25 de agosto de 2022. As obras para mellorar o campo de fútbol de adestramento e xogo da Devesa comezarán na segunda quincena de setembro, despois da sinatura do convenio por parte da Área de Deportes da Deputación de Lugo e do Concello de Ribadeo, que financian esta actuación cun investimento de 50.000 euros.
O convenio foi asinado polo deputado provincial responsable de Deportes, Efrén Castro, e polo alcalde ribadense, Fernando Súarez, que no pasado mes de maio visitaron esta instalación deportiva xunto ao concelleiro de Deportes, Jorge Díaz; os edís de Economía e Obras, Pablo Vizoso e Mónica Freire, así como directivos da SD Ribadeo, do Ribadeo FC e dos Veteranos do Ribadeo FC.
Mónica Freire, edil de Obras e alcaldesa en funcións, sinalou que “as obras de mellora do campo de fútbol de adestramento e xogo da Devesa comezarán na segunda quincena do mes de setembro, despois de que o Concello de Ribadeo asinara un convenio coa Área de Deportes da Deputación de Lugo, que vai a financiar esta actuación cun investimento de 50.000 euros”.
E subliñou que “este é un proxecto que dende o Concello quixemos redactar para mellorar as carencias deste campo, porque foi feito fai anos, está moi desnivelado e ten tamén problemas de dureza. Unha vez que rematen estas obras e que o campo estea operativo, porase a disposición, coma sempre, das tres entidades deportivas: Ribadeo FC, SD Ribadeo e Veteranos”.
Ata o campo de adestramento da Devesa se desprazaron esta mañá Mónica Freire e os concelleiros de Cultura e Medio Rural, Pilar Otero e Marcos Villamil.