Ribadeo, 31 de agosto de 2022. A alcaldesa en funcións, Mónica Freire, e os concelleiros de Turismo e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, asistiron esta mañá á presentación do proxecto de recuperación do río Eo, que tivo lugar no observatorio de aves situado na N-642, por parte da Consellería de Medio Ambiente. A rexedora subliñou que esta actuación ven darlle continuidade á iniciada polo Concello de Ribadeo hai anos e pon en valor o traballo realizado nun ámbito competencial que lle corresponde á Xunta de Galicia. E agradeceu a elección de Ribadeo como exemplo para levar adiante este proxecto que se estende tamén polos Concellos de Trabada e da Pontenova.
A rexedora declarou: “dende o Concello de Ribadeo estamos moi agradecidos pola elección, por parte da Consellería do Medio Ambiente, do noso concello para presentar este proxecto, moi importante para nos, ao igual que para os Concellos de Trabada e de A Pontenova, que ao final veñen poñer en valor o traballo que o noso concello xa leva realizando durante moitos anos, de recuperación de hábitats, coa eliminación de especies alóctonas e invasoras, e a súa substitución por especies autóctonas. Queremos tamén trasladar o noso agradecemento ao Ministerio de Transición Ecolóxica pola súa implicación e compromiso para dedicar os fondos a este tan importante proxecto”.
Mónica Freire dixo que “este traballo que leva realizando durante todos estes anos o Concello de Ribadeo, que ademais o fixo nun ámbito competencial que non lle corresponde, xa que a competencia do medio natural é exclusiva da autonomía da Xunta de Galicia, e fixémolo con tódalas consecuencias para conseguir estes obxectivos de recuperación de hábitats”.
A alcaldesa ribadense contou que “aproveitamos esta visita para pedirlle á conselleira, agora que estamos ás portas dos fondos europeos, do Programa de Desenvolvemento Rural 21-27, para que a Xunta teña de verdade e en firme un compromiso e unha implicación co medio natural, coa súa competencia, e que asuma as súas responsabilidades e as súas inversións necesarias para conseguir estes obxectivos agro ambientais e climáticos”.
A comitiva que hoxe visitou Ribadeo percorreu un treito do paseo das Aceas: “dende o Concello alegrámonos de que veñan a visitar o traballo feito a través do Life Fluvial, no comezo das Aceas, xa que nos reafirma na posta en valor do noso traballo e en que lle dan continuidade”.
Sobre o escenario elixido para a presentación do proxecto de recuperación do río Eo, onde se mellorou a contorna e se instalou un miradoiro de aves, Mónica Freire, lembrou que “neste caso o Concello de Ribadeo solicitou unha axuda para a recuperación ambiental da CEC Río Eo e ZEPA Ribadeo en Reme, consistente na desmontaxe do monolito e observatorio e a instalación dun novo de madeira prefabricada que permitiría aos usuarios da zona a observación das especies de aves que se atoparan presentes na ría de Ribadeo. Solicitabamos tamén nese momento a eliminación manual dos pés de eucalipto que existían nesta zona e tamén a eliminación dos lixos e vertidos difusos que había no recinto. Ademais contemplábase a instalacións de elementos de control de acceso de vehículos e visitantes e a colocación dun panel informativo”.
E subliñou que “a inversión total destas actuacións foi de 24.200 euros, dos cales 15.000 proceden de fondos europeos Feader e o Concello achega 4.200 e a contía restante está financiada pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Agricultura”.
Mónica Freire insistiu en que “o Concello de Ribadeo leva xa moitos anos traballando para a recuperación e para o mantemento dos nosos hábitats e o lugar onde estamos hoxe, o entorno da ría de Ribadeo, é un exemplo de todo isto. A eliminación de especies alóctonas e invasoras e a súa substitución por outras autóctonas supuxeron un gran esforzo, pero grazas a el hoxe en día podemos disfrutar deste entorno privilexiado”.