A nova dotación cultural incrementará a oferta de servizos municipais na área Rexurbe, o ámbito máis emblemático de Mondoñedo cuxa rehabilitación urbanística e inmobiliaria avanza con decisión
Mondoñedo, a 21 de agosto de 2022. A xornalista Esther Eiros Rascado, natural de Bretoña, dona ao Concello de Mondoñedo a propiedade de bibliografía composta polos seus libros de viaxes a nivel nacional e internacional, guías e fotografías, así como un resumo dos premios e recoñecementos ao longo dos seus 52 anos de profesión, 33 co premiado programa radiofónico ‘Gente Viajera’. Eiros e o alcalde, Manuel Otero, firmaron este venres o acordo nun acto na Casa do Concello.
Mondoñedo creará, deste xeito, o espazo Esther Eiros, Gente Viajera que a xornalista ofrece á memoria da súa tía Purificación Rascado Alonso, “la persona que me regaló mi primer libro de tapas blandas con poesías de Rosalía de Castro que -junto a la lectura del clásico Cumbres Borrascosas, de Emily Brontë, y de obras de Emilia Pardo Bazán- me inclinó hacia el periodismo, escribir historias y poesía”. Eiros explica, en relación ao seu interese pola información turística, que naceu “partiendo de aquella maleta de cartón que me llevó a la capital de España desde la estación de Lugo a Madrid en el que era mi primer viaje en tren. Desde entonces ha llovido mucho. Y ahora estoy viendo el resurgir de la bella ciudad de Mondoñedo, a donde llegan muchos peregrinos por el Camino Norte de Santiago”.
A xornalista colaborará tamén de forma altruísta na produción de conferencias e actos culturais e na súa difusión a nivel nacional.
O Concello expresa o seu agradecemento por esta doazón e levará a cabo, pola súa parte, accións para promover e dar a coñecer a biblioteca que se situará en dependencias municipais e estará aberta ao público en xeral que poderá consultar nelas a bibliografía ou recoller os libros ou guías como préstamo temporal.
A nova iniciativa cultural incrementará a oferta de servizos municipais na área Rexurbe, no ámbito urbano cuxa rehabilitación urbanística e inmobiliaria avanza con decisión, co impulso do Concello e da Xunta de Galicia.
Recoñecida traxectoria e vínculos con Galicia
Eiros, directora do programa radiofónico ‘Gente Viajera’, de Onda Cero, está en posesión, entre outras distincións, da Medalla Castelao da Xunta de Galicia outorgada o pasado ano 2021; a Medalla ao coñecemento turístico do Goberno de España, o Premio ONETTE das oficinas de turismo estranxeiras en España, o Premio Internacional de Periodismo – Paradores de España, a Medalla de Plata de Turismo de Francia, a Medalla de Turismo da Generalitat, o Premio de Turismo Madrid Excellence 2002, unha Antena de Oro 1998 e dous Micrófonos de Oro (2004 e 2006).
A xornalista, que tamén formou parte do Consello Nacional de Turismo con distintos Gobernos e que foi nomeada no 2020 en Samos ‘Embaixadora do Camiño’, destaca que o éxito acadado como profesional das ondas tamén se debe “a los magníficos colaboradores y a mi equipo que me han acompañado hasta esta temporada”. Recoñece así que “lo que más me ha emocionado ha sido la Medalla Castelao en el año 2021; algo que hubiera disfrutado mi padre Luis Eiros, que siempre solía decir cuando no quería responder a alguien: preguntas más que Castelao”, segundo lembra con cariño.