Ademais da presenza de ciclistas de toda Galiza, e doutros puntos do Estado – Castilla y León, Asturias, Madrid, Cataluña, Euskadi, Navarra, Aragón e Canarias, medra tamén a participación internacional con inscricións de Suíza, Reino Unido, Irlanda ou Portugal.
A posibilidade de rodar a carón de deportistas como Miguel Induráin, cinco veces campión do Tour de Francia, ou o triatleta Iván Raña, campión do mundo de triatlón, é un dos grandes reclamos da proba, que se presenta como unha plataforma de proxección da comarca dos Ancares como destino para o turismo deportivo.
O deputado de Deportes Efrén Castro valorou “esta segunda edición como a consolidación desta proba, pola que apostamos coa vontade de poñer en valor as excepcionais condicións da comarca para o ciclismo; de cara á organización de eventos deste tipo, cunha proxección mediática importante, pero tamén de cara a reforzar Ancares como destino de rutas e quedadas de afeccionados e afeccionadas durante todo o ano”.
Tres percorridos
A proba, organizada polo Club Cliclista Cidade de Lugoco apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, terá a saída e a meta en Pedrafita do Cebreiro e pasará tamén polos concellos de Becerreá, As Nogais, Cervantes e Navia de Suarna.
A proba ofrece tres itinerarios, con distintas distancias e niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas.
– Gran Fondo, con 126 km e 3.500 m de desnivel positivo. Paso polos altos de Sete Carballos, A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
– Medio Fondo, 93,8 km e 2.913m de desnivel positivo. Paso polos altos de A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
– Mini Fondo, de 45 km e 1.200 metros de desnivel positivo. Paso polo alto de Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.