Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 2.200 persoas participaron no que vai de verán na campaña ‘Do mar, Vívese’ da Xunta para tomar conciencia da importancia de respectar o labor do sector marisqueiro nas praias

En Galicia hai arredor de 3.700 persoas que se dedican ao marisqueo a pé, que teñen un permiso de explotación, sementan o marisco, coidan as zonas e pagan impostos polo seu traballo

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2022. A campaña de sensibilización Do mar, vívese, posta en marcha pola Consellería do Mar para concienciar sobre os prexuízos que ocasiona a extracción ilegal de recursos marisqueiros aos profesionais desta actividade, chegou xa a máis de 2.200 visitantes dos areais galegos desde a súa posta en marcha o pasado mes de xullo. Así, nestas primeiras semanas de actividade a iniciativa trasladou aos veraneantes a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo que na época de verán obteñen un terzo dos seus ingresos anuais, a través de diferentes obradoiros.

Ademais de involucrar ás veciñas e veciños da zona, a campaña amosa tamén eses valores aos turistas que visitan as costas galegas por medio de xogos e actividades lúdicas dirixidas a persoas de todas as idades. Neste sentido, algúns dos aspectos máis valorados polos que toman parte nesta acción é a posibilidade de coñecer o traballo que realizan os profesionais do marisqueo –nalgúns casos con experiencias de primeira man–, as diferenzas entre especies e a importancia de conservar limpo e coidado o medio –en varias ocasións os propios participantes colaboran con recollidas de lixo–.

Nos expositores informativos situados nas praias tamén se reparten trípticos sobre esta iniciativa e elementos promocionais entre o público que participe como bolsas de pano, toallas de praia e camisetas. Tamén hai chalecos e gorros destinados ás confrarías de pescadores.

A iniciativa pasou xa por algúns dos areais da provincia de Pontevedra e continúa durante todo este mes de agosto e ata comezos de outubro por varios das provincias da Coruña e Lugo ata alcanzar os 50 previstos, abarcando o período no que se rexistra maior afluencia de xente nos areais.

Deste xeito dá continuidade ás iniciativas de sensibilización desenvolvidas en anos anteriores coa finalidade de seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do marisqueo e a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

Cabe destacar que en Galicia hai arredor de 3.700 persoas que se dedican ao marisqueo a pé e das que dependen outras tantas familias. Trátase de profesionais que teñen un permiso de explotación, sementan o marisco, coidan as zonas e pagan impostos polo seu labor. Ademais, un terzo das súas capturas e da facturación anual da súa actividade se concentra no período do verán, unha das épocas nas que o marisco adoita acadar mellores prezos.

Exit mobile version