A subdelegada e o alcalde presiden a xuntanza que estuda o operativo da Maruxaina e analiza o estado da seguridade no municipio de Cervo
Cervo, 8 de agosto de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ofreceulle ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, todo o apoio necesario das forzas de seguridade para garantir o éxito da festa da Maruxaina e que as veciñas e veciños de San Cibrao, así como todos os visitantes, poidan disfrutar con liberdade e seguridade do evento. Isabel Rodríguez destacou a colaboración do persoal dos corpos de seguridade co Concello durante a Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá, que presidiron a subdelegada e o alcalde, Alfonso Villares. Na reunión participaron, tamén, mandos da Garda Civil e o Subsector de Tráfico da Garda Civil, a Policía Local e a Policía Autonómica que analizaron o dispositivo previsto para a festa tendo en conta os horarios e lugares nos que se agarda maior afluencia de público.
SEGURIDADE CIDADÁ
A Xunta Local de Seguridade analizou, ademais, a evolución da seguridade cidadá no concello de Cervo e fixo balance dos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade no municipio. A subdelegada do Goberno felicitouse pola positiva tendencia que reflicten as estatísticas da Garda Civil no municipio. Así, informou de que a taxa de criminalidade do municipio, con un 10,73 por mil habitantes, é moi inferior á media da provincia, de Galicia e de España.
Rodríguez destacou que o ano 2021, con un total de 45 infraccións penais, foi un bo ano en materia de seguridade no municipio de Cervo, pois supuxo un descenso do 25% no número de delitos que se produciron no ano previo á pandemia. En 2019 rexistráranse neste concello un total de 60 delitos. Diminuiron tanto os delitos graves e menos graves, que pasaron de 29 a 21, como os leves que baixaron de 31 a 26.
VIOLENCIA DE XÉNERO
A subdelegada informou, ademais, sobre o grave problema social que supón a violencia de xénero. No caso de Cervo, explicou que a evolución é favorable, xa que nin o ano pasado nin nos sete primeiros meses de 2022 se produciu ningunha denuncia por este tipo de delitos. As últimas rexistradas son do ano 2020 cando se presentaron 4 por violencia de xénero e 2 por quebrantamento de ordes de alonxamento. Aínda así, Isabel Rodríguez advertiu da importancia de non baixar a garda pola gravidade e a magnitude desta lacra que atenta contra a liberdade e a igualdade entre homes e mulleres.
PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE
Ademais, a subdelegada deu conta das actividades realizadas pola Garda Civil ao abeiro dos Plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade. No referido ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da seguridade nos centros educativos, detallou que no curso 2021/2022 impartíronse 10 charlas a escolares e Ampas do concello de Cervo que trataron sobre acoso escolar, ciberacoso, riscos na internet e novas tecnoloxías, ciberseguridade, alcohol e drogas, adición a videoxogos e violencia de xénero.
En cato ao Plan Maior de Seguridade, logo do paréntese aberto pola crise sanitaria, este ano puido celebrarse unha charla que tratou sobre seguridade e prevención de riscos e estafas destinada a maiores de San Cibrao.