Site icon Crónica3.com A Mariña

Irene Samper renova e seguirá levando o laranxa esta tempada

Irene iniciará a súa segunda tempada coas Guerreiras Laranxas co obxectivo de loitar por todo

Burela, 5 de agosto, 2022. En apenas unha tempada Irene Samper xa se revelou como unha peza crave no ataque do CD Burela FS. Con experiencia na Selección Española, chegou á Mariña lucense coa intención de seguir crecendo e gañar títulos.

A 16 laranxa vive por e para o fútbol sala, e agora faino co orgullo de levar o laranxa na camiseta e o torques no peito. Con ese compromiso e esa calidade sobre a cancha, a renovación de Irene na tempada 22/23 xunto o Burela FS só pode ser beneficiosa para o equipo.

A pesar de levar tan só unha tempada no conxunto mariñán, xa contribuíu en grandes éxitos como a consecución dunha Supercopa de España, unha Copa da Raíña e a Futsal Women’s European Champions, considerada a Champions League do fútbol sala. Esta tempada, xa integrada no equipo desde o inicio e con máis experiencia, seguro que será unha inmellorable oportunidade de volver loitar por todo.

Irene é xoven pero cunha experiencia que demostra a súa pericia na cancha. Aos 17 anos, a zaragozana fichou polo filial do AD Alcorcón FSF, e en menos dun ano gañouse o seu posto no persoal do primeiro equipo. Desde 2017 é asidua da Selección Española, onde tamén demostrou a súa calidade e recentemente converteuse novamente en campioa da Eurocopa. Despois de seis anos en Madrid, chegou a Burela para crecer aínda máis como futbolista.

Exit mobile version