Ribadeo, 11 de agosto de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, ven de dirixirlle un escrito ao Servizo de Conservación da Natureza da Xunta para que tome as medidas necesarias encamiñadas a evitar o amoreamento de pedras que os visitantes están a realizar na praia das Catedrais.
Nesa carta o rexedor lembra que “despois do escrito que con este mesmo asunto se lles remitiu na pasada tempada estival de 2021 (19/07/2021, rexistro 2021-S-RC-2341), volvemos a ter constancia de que visitantes do espazo natural protexido da praia de As Catedrais, cuxo acceso está a ser controlado pola Xunta de Galicia nestas datas, realizan figuras mediante o amoreamento de pedras existentes no lugar. O ano pasado a través do persoal, tanto municipal como autonómico presente na praia, conseguírase controlar este tipo de comportamento, pero á vista da actual situación, compre realizar un reforzo”.
Suárez Barcia engade: “entendendo que estas circunstancias correspóndese en maior medida coas competencias do seu servizo, dende o Concello vimos de pedirlles novamente aos socorristas que na medida do posible lle trasladen aos usuarios deste espazo a prohibición de seguir con esta práctica, non obstante, isto non forma parte do seu cometido, debendo estar máis pendentes doutros comportamentos máis relacionados coa seguridade das persoas, feito polo cal, solicítaselles que tomen dende o Servizo de Conservación da Natureza as medidas que consideren necesarias para corrixir esta problemática, a través dos seus axentes medio ambientais, carteis, información do persoal regulador do acceso á praia, etc”.
Acompaña o escrito cunha imaxe dos feitos relatados.