Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado regresa a Ribadeo o guateque dos anos 60 e 70, que organiza a comisión de festas coa colaboración de Acisa

Ribadeo, 22 de agosto de 2022. A música e a moda dos anos 60 e 70 encherán de son, de luz e dun ambiente vintage o parque de San Francisco este sábado, 27 de agosto.

Alí vaise celebrar a partir das 20:30 horas o Guateque, que organiza a Comisión de Festas de Ribadeo coa colaboración de Acisa. O obxectivo é recadar fondos, por parte da comisión de festas para a celebración das patronais. Ás oito e media da tarde dará comezo ese Guateque dos anos 60 e 70. A cita estará amenizada con música desa época.

Carmen Cruzado, presidenta de Acisa, considera que “é unha boa forma de despedir practicamente o mes de agosto en Ribadeo. O Guateque é unha cita moi bonita pola que hai moita xente agardando e despois do parón da pandemia, creo que será unha xornada na que todos e todas o pasaremos en grande. E ademais é unha maneira de colaborar coa comisión de festas”.

Cruzado Iglesias indicou que “co ánimo de que as colaboracións que fai Acisa con outros colectivos repercutan tamén nos nosos asociados e asociadas, quixemos premiar as compras que se fagan durante esta semana no comercio e na hostalaría. Deste xeito, se o sábado presentas un tícket de mais de 50 euros, por compras ou consumicións realizadas entre os días 20 e o 27 de agosto nalgún dos establecementos asociados a Acisa Ribadeo, no Guateque faranche un desconto dun euro na túa consumición”.

O xerente de Acisa, Jesús Pére, explicou que “ademais, co fin estender a nosa colaboración coa comisión, dende Acisa quixemos engadir unha novidade mais, que consiste nun sorteo de dous premios. Trátase dunha caixa regalo dunha viaxe de dúas noites para dúas persoas a escoller entre 1.500 destinos e 100 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Acisa. O sorteo será presencial, a media noite, e as rifas entregaranse de forma gratuíta con cada consumición”.

Pérez Prada anima “a acudir a este Guateque, a pasear polas rúas de Ribadeo, a visitar o comercio tradicional da nosa vila, a tomar uns viños, unhas cañas, unhas copas e a cear na hostalería local. En Ribadeo temos de todo para facer que a estancia dos que nos visitan sexa o máis agradable posible. Este guateque é unha posibilidade de pasalo ben, desfrutar, despedir o verán e ademais levar un premio”.

O presidente da comisión de festas, Martín Graña, manifestou que “nos fai moita ilusión organizar o Guateque recollendo o testemuña de tantos anos da xente que organizaba o Antroido. Estamos aproveitando os consellos e o apoio que nos están dando para organizar o mellor Guateque posible. Agardamos que a xente desfrute moito desta cita o vindeiro sábado, 27 de agosto, no parque de San Francisco”.

Graña engadiu que “Acisa está axudándonos en todo o que precisamos e vemos como un aliciente máis os sorteos e a promoción. Esperamos que a xente o pase moi ben e que regrese por un momento a eses bonitos anos”.

Acisa agradece a colaboración nesta campaña de Eroski Viajes e do Concello de Ribadeo.

Exit mobile version