Ribadeo, 30 de agosto de 2022. Este sábado, 3 de setembro, ás 18:00 horas disputarase no estadio municipal Pepe Barrera, de Ribadeo, o Trofeo Acisa Festas Patronais.
O xerente da asociación empresarial, Jesús Pérez, contou que “este sábado temos todos unha cita co fútbol ás 18:00 horas para ver o partido que disputarán o Ribadeo FC e o Racing Club Villalbés no estadio municipal Pepe Barrera. A apertura da billeteira será as 16:30 horas, a entrada terá un custe de 10 euros para o publico xeral, 5 euros para socios e socias do Ribadeo FC e os menores de hasta 13 anos contarán con entrada gratuíta”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, agradeceu “a labor tanto da directiva do Ribadeo FC coma da de Acisa Ribadeo polo traballo que están a facer estes días para facer deste encontro deportivo un referente, así coma ao Concello de Ribadeo pola súa inestimable colaboración. Tamén queremos agradecerlle á comisión de festas que incluíran este evento dentro do programa oficial das patronais 2022”.
Cruzado Iglesias agarda que “o estadio Pepe Barrera rexistre unha boa entrada de afeccionados de ambos equipos. Trátase dun sábado ás seis da tarde, polo que para os veciños da comarca é unha oportunidade de vir pola maña desfrutar dos nosos comercios abertos, saborear a nosa gastronomía, dar un paseo vendo Ribadeo ou gozar dos primeiros días de actividades do programa das festas patronais…. E ás 18:00 horas achegarse e vibrar co esta cita co fútbol. E, se aínda o teñen a ben, despois poden tomar unhas cañas ou uns viños na hostalería local para celebrar o resultado e quizais quedarse a cenar”.